O ministro de Interior di que Rajoy sabía que se espiaba ERC e CDC

“O presidente do goberno sábeo”, di nunha gravación o ministro do Interior ao xefe da Oficina AntiFraude. Rajoy afirma que descoñecía esas conversas e que nin sequer sabía que existía unha oficina antifraude en Catalunya.

interior rajou garda civil
photo_camera Imaxe. Moncloa

“O presidente do goberno sábeo. Eu díxenllo. É un home discreto”. Esta é a frase que sitúa o foco sobre Mariano Rajoy no escándalo xerado polas conversas entre o ministro do Interior e o xefe de Antifraude, De Alfonso, para fabricar escándalos contra dirixentes e líderes independentistas. A frase pronúnciaa Fernández Díaz e aparece nunha das gravacións que o diario Público.Es está a sacar á luz e na que o ministro discute co responsábel da oficina antifraude como obter dados que poidan servir para involucrar ERC e CDC en escándalos. As gravacións son de 2014, pouco antes da consulta soberanista do 9N, mais é agora cando se coñecen. “Eu tomo nota e trasladarei a conversa a quen podes imaxinar”, di o ministro nun momento da conversa e despois de falar con De Alfonso sobre varios dirixentes independentistas.

Preguntado sobre estas revelacións nunha entrevista en Onda Cero, o presidente do goberno español dixo descoñecer o contido desas reunións mais apuntou que ese tipo de xuntanzas son “absolutamente normais”. Rajoy confesou non ter lido as transcricións nin escoitado as gravacións mais considera que o contido das mesmas amosan “dúas persoas que falan”. Ademais, dixo que “non sabía” que existía en Catalunya unha oficina de loita contra a fraude nin o posto de director, con quen mantivo varias reunións o seu minstro do Interior. “E non teño nada máis que dicir”, concluiu após asegurar que “nunca” desde o seu goberno se filtrou información sobre partidos políticos.

Unha bomba na recta final da campaña

As gravacións dinamitaron a recta final da campaña electoral en Catalunya. Todos os partidos, agás PP, demandaron a demisión do ministro e o cesamento de De Alfonso. Fernández Díaz, ademais de ministro en funcións, é candidato do Partido Popular por Barcelona. Desde Junts pel Sí e a CUP explicaron que estas gravacións son unha mostra máis da 'guerra suxa' que desde o goberno español se leva a cabo contra o proceso soberanista catalán.

Comentarios