O Consello Político Federal de IU aproba que a 5 praza da súa listaxe para Europa a ocupe Anova

A quinta praza da listaxe de Izquierda Unida será para Anova. Así o decidiu o Consello Político Federal da organización que aprobou unha candidatura encabezada por Willy Meyer. Para cumprir a paridade da listaxe, Anova terá que propoñer un home. 

Willy Meyer
photo_camera Willy Meyer

Un 77% é o apoio que recibiu a lista encabezada por Willy Meyer no Consello Político Federal que IU desenvolveu na mañá do sábado e na que quedou á vista o malestar de Izquierda Aberta, liderada por Gaspar Llamazares que conseguiu o 23% dos apoios á lista que tiña a Tasio Oliver como número e que non descarta ir aos tribunais se o seu candidato non vai de número seis na listaxe. 

O Consello Político reservou xa os postos pactados por  Iniciativa per Catalunya (ICV), Anova e mesmo para a Chunta Aragonesista, mesmo sen estar aínda confirmado que se presente na candidatura de IU. 

A Anova, que decidiu o fin de semana pasado entrar na listaxe de IU, destínalle o número 5 da candidatura, o único dos sete primeiros aos que non se lle coñece aínda nome algún. A secretaria confederal de Comisiones Obreras (CCOO), Paloma López irá no segundo lugar, o cuarto lugar a deputada nas Cortes Valencianas Marina Albiol, o sexto para a asturiana Ángeles Vallinas e o sétimo para Javier Couso, irmán do cámara asasinado en Irak.  ICV ocupará o terceiro lugar, con Ernest Urtasun, e Anova ocupará o quinto, o único dos sete de saída dos que se descoñece o nome de quen o ocupe. De se presentar a Chunta Aragonesista iría no posto oito para logo Oliver, de Izquierda Aberta, concorrer no nove, o que provocou o malestar da formación liderada por Llamazares e mesmo a ameaza de recorrer aos tribunais. 

Anova terá que propoñer un home 

O que si agarda IU é que o nome do candidato de Anova sexa masculino. É o requisito que se lle pide para que se cumpra a lista-cremallera coa que queren conseguir paridade na listaxe. Pola contra, á Chunta tocaríalle propoñer unha muller. 

Comentarios