O Consello Político de EU aproba por unanimidade a expulsión de Carmen Iglesias

A deputada de AGE acusa a formación pola cal foi eleita de "manipular os estatutos e a militancia" e di que é esta a razón pola que non presentou nen vai presentar alegacións ao seu expediente de expulsión: ''eu non os necesito para nada". 

carmeniglesias
photo_camera [Imaxe de arquivo]


O Consello Político Nacional de Esquerda Unida acordou de maneira unánime este primeiro de febreiro a expulsión formal da deputada de AGE Carmen Iglesias, que foi eleita como parte da formación que lidera Yolanda Díaz. Iglesias podía presentar alegacións antes de ser expulsa mais di que non o fixo "porque eles manipularon os estatutos, a militancia e todo o que puideron". 

Na votación, realizada a man alzada, o acordo tomouse coas únicas abstencións d@s tres integrantes da comisión instrutora do expediente e a parlamentar ourensá disporá doutros 15 días naturais para presentar alegacións. Porén, xa anunciou que non vai recorrer porque "teño máis que facer".

"Eu non necesito AGE para nada"

Esta segunda feira, 3 de febreiro, AGE terá a primeira xuntanza con tod@s @s deputad@s do grupo parlamentar "e aí será cando decida se quedo ou me vou" ao grupo mixto, sinala Carmen Iglesias. "Non necesito AGE para estar no Parlamento", salienta, e acrecenta que "unha vez que fun expulsa da miña organización non os necesito para nada".

O expediente contra Iglesias Sueiro iniciouse cando se negou a renunciar ao escano que lle correspondía "por lei" --enfatiza-- após a renuncia de David Fernández Calviño, quen aceptou un traballo na investigación en Dinamarca.

AGE pretendía deixar correr a listaxe un posto e que a vaga nas bancadas a ocupase a integrante de Anova Iolanda Docampo, mais Carmen Iglesias refutou ficar fóra do Parlamento. Tomou posesión do escano e rachou co equilibrio na coligación ao deixar Anova unicamente con tres deputad@s. EU conta con cinco mais Iglesias, que foi eleita cando aínda era militante, sumaría a sexta.

Comentarios