Abstención de Luís Villares e tensión co sector crítico

O Consello de En Marea pide a Quinteiro que abandone o Parlamento

O Consello das Mareas, máximo órgao da confluencia, demanda a Paula Quinteiro que entregue a acta de deputada e que asuma responsabilidades políticas após se ver envolvida nun incidente coa policía local de Compostela.

en marea
photo_camera Aspecto do último plenario de En Marea

A decisión de pedir a Paula Quinteiro que demita como parlamentar non contou co voto favorábel de Luís Villares, que optou pola abstención. 

A reunión do Consello das Mareas veu precedida dun novo encontro do grupo parlamentar. Nel parecía terse fraguado un acordo entre os distintos segmentos da confluencia. Villares e os seus aceitaban aparcar a petición de demisión -proposta pola Coordenadora da organización a pasada cuarta feira- en troca de abrir un expediente informativo á deputada, pendentes tamén das hipotéticas secuelas xudiciais e policiais do asunto.

Ese acordo non foi asumido pola maioría do máximo órgao da confluencia, hexemonizado polas correntes -nucleadas arredor de Cerna- que dan o seu apoio a Villares. Na votación, alén do máis, non estaban presentes as e os críticos, que abandonaron a reunión molestos por algunhas intervencións que xulgaron como ofensivas para Quinteiro.

Sen a presenza de representantes dos segmentos críticos -Podemos, Esquerda Unida, a oficialidade de Anova-, Villares non tivo apoios á hora de defender o consenso alcanzado no grupo parlamentar, e a maioría do Consello impuxo o seu criterio, favorábel á asunción de responsabilidades políticas por parte de Quinteiro.

A cuestión agora radica en saber se o grupo parlamentar asumirá esta decisión do Consello das Mareas ou se -como aparentemente defenden Podemos e Esquerda Unida- apelarán á súa autonomía e non aceitarán a autoridade do máximo órgao da confluencia para regular o seu funcionamento interno.

É significativo a ese respeito que, segundo as fontes consultadas por Europa Press, tampouco apoiasen esta resolución Davide Rodríguez (do sector de Anova próximo a Villares) e Paula Vázquez Verao (Cerna), as outras dúas parlamentares que fan parte do Consello.

Paula Quinteiro viuse envolvida nun incidente, na madrugada do sábado ao domingo, entre a policía local de Compostela e un grupo de mozas e mozos que supostamente terían provocado destrozos -a rotura de espellos retrovisores- en algúns vehículos estacionados na rúa. Quinteiro tería amostrado aos axentes o seu cartón de identificación como parlamentar. Segundo o atestado policial, ao que tivo acceso Europa Press, a deputada tentou dificultar a identificación dun dos mozos por parte dos policías. Ela negouno esta terza feira, aducindo que simplesmente tentara mediar entre uns e outros.

Comentarios