O Consello Fiscal coida "inoportuna" a reforma do aborto mais apoia fixar sancións por "coherencia penal"

O informe final que remitirá ao executivo tilda de "inoportuno" o anteproxecto de lei de reforma e lembra que o recurso presentado á lei de prazos "continúa no Constitucional". 

Unha de cal e unha de area a que dá o Consello Fiscal no seu informe a respeito do anteproxecto de lei polos dereitos do concibido e da muller grávida. O órgao recolle en 59 páxinas --que serán remitidas ao goberno español-- as súas valoracións en relación coa reforma que prevé aprobar o Ministerio de Xustiza mais que, segundo os pronosticos, non se levará a Cortes até o mes de setembro. 

Segundo o Consello Fiscal a proposta lexislativa de Gallardón é unha "inoportunidade" habida conta, sinalan no informe, que o recurso presentado polo Partido Popular contra a Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo, coñeciza como lei de prazos, aínda está pendente de resolver polo Tribunal Constitucional. 

Apoia as sancións ás mulleres que aborten por "coherencia penal"

No entanto, no seu ditame o Consello afonda nalgunhas cuestións e mesmo defende --como xa fixera o Consello Xeral do Poder Xudicial-- a fixación de sancións para as mulleres que "se causen o seu propio aborto ou consintan que outro llo cause". O contrario, din @s fiscais, fai que o proxecto de lei "careza de coherencia" penal. 

O Consello ampara a súa argumentación na doutrina do Tribunal Constitucional de retornar o marco lexislativo "sistema puro de indicacións" sempre que se "respecte o principio de proporcionalidade" en relación cos dereitos do nascituro e da nai. 

O informe di que o aborto euxenésico podería ser unha "opción de política criminal"

No tocante á supresión do suposto de aborto euxenésito por razóns de inviabilidade do feto o Consello Fiscal súmase á opinión amosada polo Consello Xeral do Poder Xudicial e aposta en desligalo do prexuízo psicolóxico ao entender, di o informe, que "o suposto de aborto euxenésico podería ser entendida como unha opción de política criminal". No entanto, sinala que é "susceptíbel de debate" polo que "non pode darse por rematada" a discusión sen ser "cuidadosamente reflexionada". 

Finalmente, a respeito dun dos elementos contidos na anterior lei e que ergueu maior confrontación para o Partido Popular o Consello Fiscal entende que a autorización da nai/pai/titora legal dunha menor que queira interromper a súa gravidez é "unha exixencia inherente ao cumprimento das súas funcións" mais, acrecenta, "pode non ser aconsellábel no caso de menores emancipadas ou de 16 e 17 anos a quen se debe recoñecer un grao de autonomía superior". 

Comentarios