O Consello da Xunta aprobará o proxecto de orzamentos esta próxima segunda feira

O Executivo galego dará luz verde ás contas da Administración galega, que entrarán no Parlamento a terza feira 20 de outubro.

Compostela é un fervedoiro de ruxe-ruxes arredor do futuro político de Alberto Núñez Feijóo, así que non é de estrañar que durante as últimas horas circulase a especie de que a vindeira segunda feira o Consello da Xunta iría realizar unha sesión extraordinaria en que talvez ficarían esclarecidos os pasos a dar polo presidente da Xunta nas próximas semanas.

As fontes oficiais do Partido Popular consultadas por Sermos restan toda excepcionalidade e misterio á reunión. Será simplesmente, informaron, para dar luz verde ao proxecto de orzamentos 2016. "Hai que ter en conta que esta semana, o quinta feira, non houbo consello da Xunta pola participación do presidente no debate da autonomía", engadiron.

O consello da Xunta dará comezo por volta das 9.30 horas e o presidente comparecerá perante os meios, como adoita, arredor das 12.30 horas.

O proxecto entrará na cámara galega a terza feira para a súa tramitación parlamentar.

Comentarios