Entrevista

Salvador García-Bodaño: "O Consello da Mocedade naceu para suplir a falta de acción que os de América censuraban a Galaxia"

Salvador García-Bodaño (Teis, 1935) foi membro do Consello da Mocedade (1963) do que tomou parte na súa fundación ao igual que na do Partido Socialista Galego (PSG). Falamos con el arredor da súa memoria daquel tempo.

Salvador García Bodaño
photo_camera Salvador García Bodaño

-Como era o ambiente universitario, cultural, social da Compostela daquela?
A cidade era o casco antigo. Aí estaba todo. O ambiente universitario estaba feito por xente nova que vivía nas pensións. Había unha convivencia nas tabernas. Logo comezaron a aparecer as cafeterías. Tamén as igrexas estaban moi nutridas de xente. Había cines. Xa mais adiante comezaron os bailes. Era un Santiago pequeniño.

-Politicamente como era?
Absolutamente nada. Xa non se lle ocorría a ninguén. Comezamos por volta do ano 61 cando constituímos O Galo porque estabamos cansos. Os galeguistas maiores estaban tentando facer a súa función, coa creación de Galaxia. Mais non trascendía.

-Falaba de Galaxia. Como entra vostede en contacto co selo?
Entrei como entraron moitos en canto chegou unha personalidade chave que había alí, Ramón Piñeiro. A finais do ano 57 coñecín dúas persoas importantes na miña vida, que me influíron intelectualmente. O primeiro foi o pintor Carlos Maside e o segundo, Ramón Piñeiro, que mo presentou Franco Grande, un veterano. Levaba cinco anos no selo. El foi quen me levou á casa de Ramón Piñeiro, un home tremendamente agradábel. Como Ramón Piñeiro viñera no ano 50 como director literario da recén fundada Galaxia comezamos a estabelecer relación. O que querían era o cambio pois foi cando o galeguismo quixo mudar de táctica, da clandestinidade política exclusivamente, que era propia da posguerra, comezaron a pensar en crear unha editorial e facer unha acción literaria-cultural. Despois a través de Piñeiro comecei a coñecer a practicamente todos os maiores que sobreviviran á guerra, Couto, Francisco Fernández del Riego… o núcleo de Galaxia. Mais estes non tiñan un acceso á sociedade como tiñamos os estudantes e a xente nova que fomos conectando e tentando facer o grupo O Galo. Houbo unha conexión entre os maiores e a nosa presenza na sociedade.

-Como lembra Ramón Piñeiro e como o describiría ideoloxicamente?
Piñeiro era un home galeguista, de esquerdas. Era un socialdemócrata galeguista. Levabámonos moi ben, na casa sempre me trataron coma se for da familia mais sempre había un punto que era a maneira que tiña de ver el o galeguismo e eu o nacionalismo. Cando chegabamos aí tentabamos falar do tempo ou doutra cousa. El chamáballe galeguismo ao que era o nacionalismo. Mais era un home cargado de coñecementos. Filósofo, ensaísta. Foi o que promoveu o ensaio aquí. Era insansabelmente traballador. Xeneroso, cordial, enérxico, testán. En realidade educaba, mais todos nós tiñamos un sentido máis amplo. Cando el, por exemplo, dicía que en Galiza debía existir un partido socialista para que non viñesen os de fóra, era unha defensa. O socialismo foi adiante ,mais fómolo facendo nós á nosa maneira, adoptamos o marxismo como método de análise e eramos nacionalistas.

-Que idea había do nacionalismo de pre-guerra? Da figura de Castelao ou o Consello de Galiza...
Había relación. Houbo unha cooperación dentro de Galaxia. Foi o propio Piñeiro quen pulou por estabelecer contacto cos de América. Mais era un diálogo de xordos porque alá non tiñan os problemas de aquí. Dicían, ‘hai que actuar politicamente, construír un partido galeguista’. E aquí dicían, ‘mais desa maneira xa funcionamos’. Había moito intercambio de información, no entanto non había maneira de entenderse. De aí naceu aquela operación moi pouco duradeira que foi a Pomba mensaxeira. Na que veu desde Bos Aires Antón Moreda, para constituír en Galiza un Consello da Mocedade cos vellos galeguistas que aínda quedaban por aí e facer unha formación política forte, actuante, que suprise a falta de acción que os de América lle censuraban á estratexia dos de Galaxia e a Ramón Piñeiro. [Moreda] tomou contacto cos de Brais Pinto e despois con algúns de nós, pois o PSG fundouse en agosto. Tamén cos demócrata-cristiáns. O Consello da Mocedade constituíuse en novembro do 63. O primeiro baixón xa foi o follón que houbo en Lugo no que expulsaron a 22.

-Que grupos ou correntes existían no Consello e cando percibe que a tensión provoca a ruptura?
Eu estivera en dúas reunións iniciais en Lugo. Daquela había bastantes acordos. Logo estiven noutra en Vigo e, para min a última, no bar Viño en Santiago onde os demócrata-cristiáns se foron da reunión e nós dixemos, ‘aquí non hai nada que facer’, nós xa fundaramos o PSG había tres meses. Ao saír de alí xa se puxeron a traballar para constituír a UPG. E así foi a cousa. A raíz daquela entroulle o sarpullido ao nacionalismo.

-Como se constitúe o PSG?
Queriamos que houbese unha participación política. Piñeiro tiña a idea de ante-guerra que desenvolvera Vicente Risco a respeito da galeguización dos partidos políticos, todos, do tipo que foran. Cando se nos falou desa posibilidade non nos pareceu mal. Mais non era o que din algúns, que iamos obedecer a Piñeiro. O que fixemos foi aproveitarnos da súa idea porque era unha vía para tomar contacto cos demais partidos da Península.

-Nese primeiro PSG non se declaraban nacionalistas…
Eramos nacionalistas moitos. Concretamente no ano 63 situábase no centro-esquerda, no socialismo, nacionalismo galego e federalismo. Eran os puntos que mesmo saían no Adiante, a revista que publicaramos. Inicialmente suavizamos moito. É mellor saír suaves e ir acentuando a cousa sobre a marcha sen ter que darlle explicacións a ninguén, nen á policía. Desde o PSG do 63 ao do 72 había moita diferenza porque se fora radicalizando moito, tanto no nacionalismo coma no esquerdismo. Chegando a ter adoptado o marxismo como método de análise política.

-Foi suavizando a medida que Piñeiro se foi apartando?
Si. Piñeiro non estaba moi de acordo. Chegou case a estar apartado. Parecíalle que o camiño polo que iamos era pouco oportuno. El quería unha cousa máis moderada. A situación pedía ser doutra maneira. A sociedade fórase cabreando.

*Esta entrevista apareceu no número 47 do A Fondo, o caderno de análise do Sermos Galiza, e fixo parte do número 77 do semanario, publicado a 21 de novembro de 2013.

Comentarios