O Consello da Marea emula Iglesias e Montero e renunciaría se as bases rexeitan a demisión de Quinteiro

A consulta en curso axita as augas da confluencia galega. Desde os sectores críticos -a conta twitter @coidandounidade- acúsase a dirección de inflar o censo. Desde o aparato villarista avánzase que se as bases rexeitan a demisión de Quinteiro obterían a súa. Esta hipótese é moi pouco probábel, sendo que os segmentos partidarios da parlamentar de Podemos-Anticapitalistas defenden a abstención no referendo interno.

Primarias En Marea
photo_camera Militantes de En Marea votando nun plenario.

Os sectores críticos estanse a mostrar moi activos nas redes, esporeados pola conta @coidandounidade. O seu manifesto -en que piden a non participación nunha consulta que tildan de "linchamento"- foi asinado xa por máis de 700 persoas. A propia Quinteiro mostrouse "moi agradecida por todos os apoios recibidos", tamén desde twitter, rede desde a que proclamou:  "Resulta incrible ver a cantidade e calidade de sinaturas recollidas neste manifesto".

@CoidandoUnidade elevou o ton crítico esta terza feira ao afirmar que o aparato villarista -ao fronte do cal sitúan Mario López Rico, líder de Cerna- tería inflado o censo das persoas inscritas para participar nesta consulta.

 

Desde a dirección da confluencia galega a mensaxe que se preferiu enviar -por meio do seu portavoz Gonzalo Rodríguez- é que o Consello da Marea renunciaría aos seus cargos na eventualidade de as bases votaren contra a demisión de Paula Quinteiro polo seu envolvimento nun incidente coa policía local compostelá. É a mesma posición adoptada polos dirixentes de Podemos Pablo Iglesias e Irene Montero perante o referendo interno que impulsaron por volta do affaire do seu chalet de 600 mil euros.

En todo caso, a hipótese de a posición do Consello da Marea vir a ser derrotada é moi improbábel, dado que os sectores críticos con Villares -e a propia Quinteiro- están a alentar a abstención por considerar ilexítimo o referendo.

A consulta -que se realiza na conta Telegram da confluencia- comezou esta terza feira e vai concluír esta cuarta ás 23 horas. A organización informará sobre os resultados a quinta feira 24 de maio.

Comentarios