42,94% dos ingresos dos hospitais privados galegos proceden das achegas da Xunta

O Consello de Contas cuestiona os concertos do Sergas

As relacións contractuais entre o Servizo Galego de Saúde (Sergas) da Consellaría de Sanidade e os centros hospitalarios privados están no punto de mira do Consello de Contas da Galiza. Un recente informe do organismo sobre a anualidade de 2018 revela novas dúbidas sobre o modelo de concertos no sistema sanitario galego.
Hospital de Povisa, en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Hospital de Povisa, en Vigo. (Foto: Nós Diario)

A actividade sanitaria concertada con entidades do sector privado constitúe un instrumento de xestión que cumpre un papel relevante no marco do sistema galego de saúde, xustificándose legalmente a súa utilización pola necesidade de contar con dispositivos sanitarios alleos para atender a demanda asistencial que non se pode cubrir coa dotación e recursos propios do sector público. Porén, segundo denuncian desde as entidades de defensa da sanidade, nas últimas décadas estase empregando como un mecanismo para avanzar no desmantelamento do sistema público, prescindindo do carácter complementario e subsidiario que a lei lles outorga aos concertos.

A Xunta da Galiza destinou 208 millóns de euros a concertos en 2018, dos cales 140 se derivaron para financiar a actividade dos centros hospitalarios privados. Neste sentido, destaca o gasto xerado polo concerto co hospital vigués Povisa, cunha contía para esa anualidade de 78 millóns de euros e que representa practicamente o 38% do total da actividade concertada. Mentres o Goberno galego explica este contrato pola súa natureza singular de carácter substitutivo para a prestación da asistencia especializada na área de Vigo, os colectivos en defensa da sanidade pública significan a conexión deste hospital coas autoridades sanitarias galegas. 

Povisa, propiedade desde 2019 da multinacional estadounidense Centene, un dos operadores sanitarios máis importantes do mundo, conta con 578 camas e nel ocuparon responsabilidades importantes cargos da Consellaría de Sanidade. Así, a súa xerente até o mes de setembro, María Luísa Brandt Sanz, vén de ser nomeada recentemente máxima responsábel de Galaria S.A., unha empresa pública dependente da Xunta da Galiza. Outro tanto aconteceu coa conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, elixida para o cargo en 2011, despois de dirixir a clínica compostelá Nuestra Señora de la Esperanza, dona naquel momento da sociedade propietaria de Povisa.

Contratos sen cobertura legal

O Consello de Contas da Galiza pon o foco sobre a realidade dos concertos no seu informe de fiscalización da conta xeral do Servizo Galego de Saúde de 2018. Así, sinala para esa anualidade que “os concertos formalizados cos hospitais San Rafael, Modelo e Santa Teresa esgotaron as correspondentes prórrogas o 15 de xaneiro de 2016, manténdose a actividade de asistencia mediante a resolución por razóns de interese público e recorrendo posteriormente a autorizacións de uso. Durante o exercicio fiscalizado tramitáronse de uso para oito meses, non constando autorizacións para o mes de abril e xullo”.

O recurso ás autorizacións de uso para eludir os prazos legais fixados nos correspondentes contratos entre os hospitais privados e a Consellaría de Sanidade vén sendo un procedemento normal. Neste sentido, o Consello de Contas, no seu informe de 2018, recolle que o mesmo acontece “cos concertos de Polusa e Hospital Nosa Señora de Ollos Grandes”, en Lugo, que “contan con autorizacións de uso durante o exercicio de 2018” ao ter superado o período de duración do contrato estabelecido coa Administración.

O Consello de Contas denuncia que “hai determinados servizos nos que non se emprega ningunha forma contractual” e en que “se recorre de forma reiterada ás autorizacións de uso, e na maior parte dos casos non se acreditan as necesidades urxentes que se pretenden atender, limitándose a enumerar servizos necesarios”. Neste sentido, critica que “se aprecian a existencia de obrigas con entidades (algunhas delas incluídas no apartado “resto de entidades”) que non están soportadas por un concerto ou autorización de uso”, o que leva a Xunta da Galiza a efectuar pagos ás clínicas privadas sen sustento legal.

Os concertos realízanse nalgún caso sen “soporte contractual axeitado”, afirma o Consello de Contas, quen advirte de que “os contratos nacen de procedementos negociados cuxa xustificación, en particular os de cobertura legal, non ten amparo nun criterio de natureza contractual”. Ao tempo, o ente fiscalizador explica como se beneficia os centros sanitarios privados a través “de actualizacións anuais mediante a fórmula de cláusulas adicionais que modifican a carteira de servizos, os conceptos facturábeis, as tarifas e os importes estimábeis. Estas cláusulas subscríbense durante o exercicio, trasladándose os seus efectos ao comezo”.

Comentarios