A conselleira defende unha xestión da crise nas residencias que nin traballadoras nin familiares ven

A responsábel de Política Social, Fabiola García, asegura en sede parlamentar que a actuación da Xunta a respecto das residencias está a ser a correcta e a oposición respóndelle que nin a realidade nin os dados confirman esa afirmación.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
photo_camera Fabiola García (Parlamento)

A conselleira de Política Social, Fabiola García, subiu ao estrado do Parlamento galego esta sexta feira para defender na Deputación Permanente a xestión do seu departamento e da Xunta a respecto das residencias de maiores na crise de coronavirus. Non foi un prato de bo gusto para a ribeirense (“de Ribeira con V” dicía, deturpando, nunha entrevista hai apenas unhas semanas) por moito que ela se teña definido como unha política “todoterreo”.

Chegaba á comparencia García despois de que llo reclamase ao unísono a oposición e de que nestas dúas últimas semanas de coronavirus aflorase a realidade de falta de medios e persoal nas residencias de maiores. Hai xa 27 maiores mortos nas residencias, aos que hai que engadir os e as usuarias destas instalacións que faleceron en hospitais. Hai 441 usuarias contaxiadas por coronavirus e 170 traballadores e traballadoras.

A conselleira defendeu a xestión despregada nestes días. Argumetou que a Xunta activou protocolos e actuacións (tutelas, intervencións de residencias privadas) que permiten que a situación non sexa peor; e tirou balóns fora coa baza de que a “improvisación” do Goberno español causa problemas. Dixo máis, mais xa non foron argumentos propiamente, como cando acusou a oposición de “odiar o privado” ou reprochoulle que abrisen “unha causa xeral contra as residencias”.

A maiores, e no inicio da súa intervención apelando a certo sentimentalismo, afirmando que un rasgo distintivo da Galiza era “a nosa veneración polos maiores”.

Antecedentes

A oposición coincidiu en criticar a actuación da Consellaría de Política Social a respecto do coronavirus nos centros e servizos que dela dependen. Lembráronlle que é o propio persoal o que denuncia non só falla de material senón tamén a ausencia durante días de protocolos e organización. Algo que partillan as familias das usuarias, moi críticas coa xestión do departamento que dirixe Fabiola García.

“Non lle boten a culpa a Madrid, que teñen vostedes as competencias exclusivas”, dixo Davide Rodríguez (En Marea), ao tempo que incidía nas consecuencias que supuxeron estas décadas de políticas do PP de “debilitar o público”.

“Xestión errática”

Montse Prado (BNG), instou a conselleira a que escoitase o persoal das residencias e as familias dos maiores nelas internados. “A súa é unha xestión errática”, dixo, “tiveron tempo para adiantarse e non o fixeron, non tomaron as medidas necesarias”, recriminoulle.

A deputada nacionalista lamentou que a Consellaría estivese “ausente” cando a crise comezaba a estenderse e reiteroulle as propostas do BNG (test a todo o persoal e usuarias, dotación de EPIs, intervención de todas as residencias privadas... ) para evitar que as residencias ax¡cabsen por ser un “polvorín” pola xestión desta Consellaría.

“Menos palabrería e máis recursos”

“Menos palabrería e máis recursos”, reprochoulle Antón Sánchez (Grupo Común da Esquerda) a Fabiola García. O parlamentar afirmou que a situación actual non pode entenderse sen estes anos nos que Galiza privatizou e precarizou os servizos sociais.

“Nin unha residencia de xestión pública en 11 anos”, manifestou, ao tempo que lle instaba a escoitar as traballadoras do sector.

Preguntas sen resposta.

Gonzalo Caballero (PSdeG) lamentou que a consellleira na súa intervención non dese, dixo, resposta ás preguntas que se facía a sociedade galega, que non explicase cal era a realidade dentro das residencias. O líder socialista mostrouse partidario de “revisar os concertos” coa privada e pediulle que aumentasen o número de prazas públicas.

Comentarios