Ábrese a porta a emendar a iniciativa aprobada

O Congreso valida o decreto de medidas contra a crise de prezos

O Congreso dos Deputados validou onte o decreto de medidas 'anticrise' para frear o avance da inflación e paliar os efectos económicos derivados da guerra na Ucraína, aínda que tamén aprobou, a petición de grupos como o BNG, tramitar a norma como proxecto de lei, o que abre aporta a introducir cambios vía emenda. 
O ministro, Félix Bolaños. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
photo_camera O ministro, Félix Bolaños. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)

O Congreso dos Deputados validou onte o decreto de medidas 'anticrise' para frear o avance da inflación e paliar os efectos económicos derivados da guerra na Ucraína, aínda que tamén aprobou, a petición de grupos como o BNG, tramitar a norma como proxecto de lei, o que abre aporta a introducir cambios vía emenda

A validación saíu adiante coa abstención de PP, Vox, ERC e BNG, mentres que Junts e Teruel Existe votaron en contra, e o resto da Cámara Baixa mostrouse a favor. Ademais, aprobouse tramitar a norma como proxecto de lei para permitir posíbeis emendas dos diferentes grupos parlamentarios. A tramitación como proxecto de lei foi apoiada por toda a Cámara, a excepción de Teruel Existe, que se abstivo. 

O decreto foi presentado e defendido polo ministro da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, Félix Bolaños, que augurou un "moi bo" 2023 grazas a estas medidas emprendidas polo goberno.

Entre as medidas que inclúe este decreto atópanse a eliminación do IVE en alimentos básicos, a rebaixa de 10 a 5% en pasta e aceites, a prórroga de varias exencións fiscais en materia enerxética e un novo chegue de 200 euros para as rendas máis baixas. 

Crédito extraordinario ao sector eléctrico

A validación do decreto causou discrepancias no punto referido á simplificación e aceleración nos trámites para a implantación de centrais de enerxías renovábeis. Isto provocou o voto negativo do deputado de Teruel Existe e incluso críticas de ERC e de sectores de Unidas Podemos, que advertiron que a nova lei permite que "os malos proxectos", isto é, os que afecten negativamente o medio ambiente, "se colen e prexudiquen aos que están facendo as cousas ben", engadiron. 

Entre as críticas tamén se atoparon as de Compromís, Junts e BNG, polo crédito extraordinario de 2.000 millóns de euros a favor das liquidacións do sector eléctrico, que a xuízo destes grupos é un "oligopolio".

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demandou ademais, un xiro nas políticas realizadas polo Goberno do Estado a través de medidas "máis eficaces", como estabelecer un tope ao prezo dos combustíbeis e a enerxía eléctrica, e apostar decididamente pola vía do diálogo e a negociación no conflito bélico. Para Rego, a pesar de que no Real Decreto lei existen medidas positivas (nalgúns casos, "insuficientes"), inclúense outras máis "cuestionábeis e mesmo negativas". 
 

Comentarios