Consello de Ministros

O Congreso tramitará de urxencia a nova Lei de vivenda

O Goberno español dá un prazo máximo de 18 meses para que o proxecto de lei polo Dereito á vivenda sexa aprobado en sede parlamentaria.
Cartel nunha vivenda en venda (Imaxe de arquivo-  Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Cartel nunha vivenda en venda (Imaxe de arquivo- Eduardo Parra / Europa Press).

O Consello de Ministros aprobou na terza feira o proxecto da Lei de vivenda tras varios meses de retraso. Fíxoo a pesar de que o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) emitira un informe precitivo en contra do texto. Ademais da súa aprobación, o Goberno de coalición acordou a súa tramitación no Congreso pola vía de urxencia.

Tras a reunión ministerial, a responsábel de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, e a ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Ione Belarra, compareceron ante os medios de comunicación para comentar algúns detalles do proxecto de lei.

Tanto Sánchez como Belarra instaron o resto de formacións políticas que forman parte da cámara baixa a que apoien unha Lei de vivenda "esperada con ansiedade pola cidadanía", asegurou a ministra de Transportes.

Para a titular da carteira de Dereitos Sociais, "é o primeiro paso nun camiño que o Estado español ten que percorrer". Asegura que coa nova lei protéxese os inquilinos das vivendas, "a parte máis fébel da ecuación".

Belarra tamén puxo en valor que a nova lei naza do acordo do PSOE e de Unidas Podemos. "Somos dous partidos diferentes, pero fomos capaces de superar os obstáculos até o resultado final", engadiu Sánchez.

Informe do CXPX

En canto ao informe presentado polo Consello Xeral do Poder Xudicial, a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana detallou que o Goberno español estudouno "con absoluto respecto ás consideracións" do órgano xudicial.

Raquel Sánchez insistiu en que esta valoración do CXPX non é de carácter "vinculante", e subliñou que finalmente dese o visto bo á Lei de vivenda hai uns días, despois de que o Executivo "incorporase comentarios" para "clarificar determinados artigos nos que entra a normativa autonómica". 

Malia que son as autonomías quen teñen as competencias sobre vivenda, a ministra socialista afirmou que a nova lei "non invade ningunha competencia autonómica, o Estado ten competencia absoluta para garantir o acceso total da cidadanía aos seus dereitos”.

Máis en POLÍTICA
Comentarios