En Pontevedra

O congreso do PP desta fin de semana entrega o poder do partido aos baróns

Pontevedra acolle este sábado e o domingo o XVIII Congreso do PP galego. O conclave, organizado para nomear o sucesor de Núñez Feixoo á fronte do partido, vai servir tamén para devolver aos baróns territoriais o poder real da formación. Así, o futuro do PP estará en mans de Manuel Baltar e Diego Calvo, ademais de en Alfonso Rueda.

Manuel Baltar, Elena Candía, Alberto Núñez Feixoo, Miguel Tellado e Alfonso Rueda nun acto do PP. (Foto: Europa Press)
photo_camera Manuel Baltar, Elena Candía, Alberto Núñez Feixoo, Miguel Tellado e Alfonso Rueda nun acto do PP. (Foto: Europa Press)

A cidade do Lérez recibe esta fin de semana ás 1.246 persoas compromisarias que van participar no congreso do PP galego. A delegación máis numerosa é a pontevedresa, con 387 delegados, que corresponden co territorio con maior afiliación. A continuación sitúase A Coruña, con 352 compromisarios, segunda circunscrición con máis adherentes; Ourense, con 307 compromisarios; e Lugo, á cola, con 200.

O carácter extraordinario do conclave limita as competencias do mesmo á elección dos novos órganos de dirección da formación. De feito, o encontro carece de relatorios políticos e organizativos, argumentando as fontes populares consultadas por Nós Diario que “a ausencia de documentos a debate débese a que hai menos dun ano, en xullo de 2021, realizamos un congreso para pór a punto os nosos obxectivos políticos e organizativos”. Nesta liña, sinalan que “o esquema do congreso galego é moi semellante ao seguido a nivel estatal  en abril de 2022 para proclamar presidente a Núñez Feixoo”.

O XVIII Congreso significa a formalización dunha nova estrutura de poder interno no partido, devolvendo o control aos 'baróns con mando en praza', como na época de Manuel Fraga, e baseado nun acordo de iguais entre Manuel Baltar, Diego Calvo, Alfonso Rueda e Núñez Feixoo. Precisamente, esta correlación de forzas explica a nova composición do Goberno galego e os nomeamentos dos diversos cargos intermedios da Xunta, onde a pegada de Feixoo e dos baróns é clara.

A debilidade de Rueda

Alfonso Rueda vai ser escollido o domingo presidente do PP galego, porén, a súa capacidade de decisión vai ser limitada. Unha mostra disto é a foto final do Executivo galego, onde mantén a práctica totalidade dos membros do Goberno que proceden da etapa de Feixoo e a única incorporación nova é o presidente provincial do PP coruñés, Diego Calvo. Nesa liña, agárdase que na nova dirección do partido a cota de Rueda sexa reducida, reservándose unhas porcentaxes semellantes a Baltar e Calvo.

Este último xa fixo valer o seu peso na conformación do Executivo. Após ser un dos primeiros dirixentes en cuestionar o proceso de sucesión planificado polo círculo de Feixoo, ten rematado como vicepresidente segundo da Xunta da Galiza, asumindo o groso das responsabilidades que até hai pouco acumulara Rueda. De cara ao congreso prevese a incorporación á dirección dalgúns dos seus fieis, como o antigo alcalde ferrolán José Manuel Rey Varela.

A opción Paula Prado

A nova secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, non fai parte da cota coruñesa. Malia estar afiliada na agrupación de Compostela, as razóns do nomeamento son moi semellantes ás que pesaron á hora de designar o seu antecesor Miguel Tellado en 2016. Prado é unha dirixente sen poder territorial, polo que non pode ser considerada como rival por ningún dos cadros que poden aspirar a suceder Rueda nun futuro. Se no novo PP, dirixido polos baróns, o poder da secretaria xeral vai ser moi limitado, Prado achega á dirección un perfil 'duro' para confrontar coa oposición, unhas posicións ideolóxicas marcadas e unha liña política escorada na á máis á dereita do PP.

Baltar é un gañador seguro no congreso de Pontevedra. As diversas fontes populares consultadas por Nós Diario sinalan que o peso de Ourense vai ser moi relevante na nova dirección. A este respecto, dáse por feito a presenza de persoas próximas ao barón ourensán nos postos chaves do aparato así como algún xesto que deixe claro o peso orgánico do presidente da Deputación de Ourense no equipo dirixente.

Feixoo vai continuar mandando moito na Galiza. Á súa responsabilidade como presidente estatal do PP, cuestión chave nunha organización de estrutura vertical, suma a súa ascendencia sobre un número importante de cadros galegos do partido. Un exemplo disto é o Goberno, tanto pola continuidade do seu equipo como polos nomeamentos dos últimos días. Á súa influencia e á da súa responsábel do control dos medios,  Mar Sánchez, débese a elección da nova secretaria xeral de Medios, Silvia Valdés.

Elena Candia, a gran derrotada

A presidenta do PP en Lugo, Elena Candia, é unha das grandes damnificadas do proceso. Fica excluída do Goberno e relegada a substituír a Calvo na Mesa do Parlamento pola súa falla de peso no PP como consecuencia da forte contestación que padece en Lugo, cun  sector que cuestiona o seu liderado.

Comentarios