O Congreso do PCE chega este sábado á Galiza con dúas candidaturas en liza

A lista alternativa imponse en varios territorios.
Eva Solla, secretaria xeral do PCG. (Foto: Europa Press)
photo_camera Eva Solla, secretaria xeral do PCG. (Foto: Europa Press)

O Partido Comunista de España (PCE) desenvolve o seu XXI Congreso do 8 ao 10 de xullo en Madrid. O debate congresual, que xa se está a producir en diversos territorios do Estado, chega este sábado á Galiza coa Conferencia na que participará a militancia da formación no país.

A secretaria xeral do Partido Comunista de Galicia (PCG), Eva Solla, adiantou en declaracións a Nós Diario, que o debate xirará arredor das propostas de candidatura das persoas delegadas ao Congreso, así como sobre os dous documentos que se teñen presentado, un da dirección saínte, que encabeza o secretario xeral do PCE, Enrique Santiago, e outro alternativo que constitúe unha emenda á totalidade.

Os dous textos "analizan a situación actual da política do conxunto do Estado e internacional, cunha proposta para o PCE nos vindeiros catro anos", explica, incidindo en que na situación actual, co "polo imperialista pelexando por non perder a súa influencia e por combater o camiño cara á un mundo multipolar”, hai que impulsar “o traballo na rúa e fortalecer a presenza do partido na clase traballadora e obreira".

Esta xuntanza da póla galega da formación chega despois de que xa decorreran os debates en diversos territorios, onde a candidatura alternativa que encabeza Alberto Cubero, o líder do PCE en Aragón, estase a impor á liña oficial.

A súa candidatura, apoiada por diversas direccións territoriais, entre elas a galega, impúxose xa nas conferencias en Aragón, Madrid, País Valencià, Exterior, Castela e León, e Canarias, conseguindo até o de agora a meirande parte de persoas delegadas no Congreso.

Nese sentido, Solla defende que "hai que dar un cambio de rumbo ao traballo da dirección, hai cousas positivas nestes catro anos, pero tamén un desgaste importante polo traballo no ámbito institucional", polo que chama a reforzar o traballo na rúa e o debate programático, "a parte política que está máis feble".

'Sumar', o proxecto político de Yolanda Díaz

Con respecto á plataforma Sumar, impulsada por Yolanda Díaz, e que, a priori, incluiría Unidas Podemos (UP), subliña que "nós defendemos a unidade política que está á esquerda do PSOE", matizando que UP é unha coalición electoral que "non se ten convertido nun suxeito político" de seu, polo que calquera proposta haberá que "vela, lela e escoitala", por mor de que "non temos coñecemento [sobre Sumar] de nada por escrito máis aló do que ten saído nos medios".

Comentarios