O Congreso desbloquea a lei do traspaso da AP-9

O  BNG espera que se aprobe no outono.
Autopista AP-9 ao seu paso polo concello de Pontedeume [Itínere].
photo_camera Autopista AP-9 ao seu paso polo concello de Pontedeume [Foto: itínere].

A Mesa do Congreso desbloqueou a tramitación da lei que busca traspasar á Xunta a titularidade e as competencias da Autoestrada do Atlántico, a AP-9, e puxo fin ás sucesivas prórrogas semanais do prazo de emendas. Con iso, o deputado do BNG, Néstor Rego, calcula que a norma podería estar aprobada no outono, se non hai "novas demoras".

A lei, que chegou ao Congreso co apoio unánime do Parlamento galego, foi admitida polo Pleno o pasado febreiro e desde entón foi obxecto dunha quincena de ampliacións de prazo.

En declaracións aos medios de comunicación desde o patio do Congreso, o deputado galego explicou que o BNG convocou hai uns días aos deputados e deputadas das forzas políticas para abordar "conxuntamente" as posíbeis accións para axilizar o proceso.

Tamén solicitou á Mesa que non prorrogase máis o prazo de emendas, xa que ao seu xuízo a lei estívose "dilatando de maneira inxustificada". Finalmente, o órgano de Goberno da Cámara acordou ma tarde desta cuarta feira o prazo de presentación de emendas ao articulado da lei, o que debería reactivar a súa tramitación.

O traspaso da AP-9 leva anos reclamándose desde Galiza. O Parlamento galego aprobou un primeiro texto por unanimidade en marzo de 2016, pero tivo que presentar outros dous textos ante o veto do entón Goberno de Mariano Raxoi.

Un veto levantado polo Executivo do PSOE após a investidura de Pedro Sánchez en 2018, o que permitiu o seu debate ante o Pleno en decembro dese ano, pero tampouco puido prosperar pola disolución anticipada das Cortes Xerais polas eleccións de abril de 2019.

Ademais de pedir a axilización da lei do traspaso, o deputado nacionalista tamén reclamou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que cumpra o compromiso para pór en marcha "de maneira inmediata" os descontos previstos nas peaxes e criticou que o Goberno os atrase de forma "inxustificada".

Comentarios