O Congreso debaterá a tramitación dunha lei para limitar o prezo dos alugueres en zonas tensionadas

De aprobarse o texto legal, os Gobernos autonómicos serán os responsábeis de tomar as medidas precisas para limitar os prezos.
Galiza marca máximos no prezo do aluguer (Foto: Arxina).
photo_camera Galiza lidera as subas no prezo dos alugueiros no Estado español (Arxina).

O Congreso decidirá esta semana se comeza a tramitar unha proposición de lei para modificar a Lei estatal de arrendamentos urbanos co obxectivo de darlle aos gobernos das autonomías a capacidade normativa para que poidan pór un tope aos prezos do alugueres en zonas tensionadas.

Esta proposición de lei vén do Parlamento de Baleares, onde foi impulsada por Més per Menorca, e saíu adiante grazas aos votos a favor do PSOE, Unidas Podemos, Més per Mallorca e o Grupo Mixto.

En concreto, a iniciativa busca modificar os artigos 10 e 17 da Lei de arrendamentos urbanos, no relativo á prórroga do contrato e en darlle capacidade normativa aos Gobernos autonómicos para que poidan pór un límite no prezo do aluguer naquelas zonas que se atopen tensionadas.

Segundo o texto da proposición de lei, proponse este réxime de limitación do prezo do aluguer cun réxime sancionador e un sistema de resolución extraxudicial de conflitos producidos entre persoas arrendadoras e arrendatarias.

As zonas tensionadas

Ademais, expoñen que a declaración e a vixencia dunha zona de mercado residencial tensionada estabelecida nesta norma requirirá da elaboración dunha memoria que a xustifique, "a través de datos obxectivos e fundamentada na existencia dun especial risco de abastecemento insuficiente de vivenda para a poboación residente".

"A declaración, de acordo con este procedemento, dun ámbito territorial como zona de mercado residencial tensionado conlevará a redacción, por parte da Administración autonómica competente, dun plan específico que proporá as medidas necesarias para a corrección dos desequilibrios evidenciados na súa declaración, así como o seu calendario de desenvolvemento para o período de vixencia da declaración da zona de mercado residencial tensionado", expón a proposición de lei.

No que ten que ver na modificación do artigo 10 da Lei de arrendamentos urbanos, a proposición de lei expón que en canto á prórroga do contrato, se ningunha das partes notificase á outra da súa vontade de non renovalo, o contrato prorrogaríase obrigatoriamente por prazos anuais até un máximo de tres anos.

Proposta do BNG

En decembro de 2022, despois dunha manifestación convocada polo BNG contra a crise de prezos, a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, xa trasladara a necesidade de adoptar medidas para pór un tope aos prezos dos alugueres. Así, o BNG, aposta por "limitar" tanto o prezo dos alugueres como a suba das hipotecas en vivenda habitual.

Comentarios