O Congreso debate a proposta da CIG de rexistro obrigatorio de xornada

Pretende evitar as prolongacións irregulares de xornada e garantir a axeitada cotización en materia de Seguridade Social.

Congreso, abertura constitución da XII lexislatura.

A CIG promoveu en xuño unha Proposición de Lei por un rexistro diario da xornada de traballo nas empresas. O sindicato  remitía aos grupos do Congreso unha Iniciativa para modificar a lexislación establecendo a xornada laboral para combater as horas extraordinarias e que o seu rexistro fose obrigatorio. A central sindical optaba por esta medida logo de que a xustiza española dera para atrás á obrigatoriedade de implantala. Aos dous días o PSOE presentaba unha iniciativa e, uns días despois, EH Bildu outra. Agora o Congreso dos Deputados debaterá esa modificación legal tal e como demandaba a CIG.

A CIG afirma que a flexibilidade horaria que permite a actual lexislación laboral deu lugar a numerosos litixios nos que se cuestionou se as empresas están ou non obrigadas a levar un rexistro diario da xornada de traballo. Un tema que non é menor, pois afecta os medios de proba de que dispoñen os traballadores para acreditar a realización de horas extraordinarias en caso de discrepancias sobre a súa realización e abono.

O Tribunal Supremo resolveu definitivamente a cuestión mediante sentenzas de 23 de marzo e 20 de abril de 2017, nas que conclúe que o artigo 35.5 do Estatuto dos Traballadores, que é a norma legal de aplicación, non establece a obriga de rexistrar diariamente a xornada ordinaria, senón só as horas extraordinarias no caso de que se produzan. “Con todo, manifesta que sería conveniente unha reforma lexislativa que clarificase a obriga de levar un rexistro horario e facilitase ao traballador a proba da realización de horas extraordinarias”, indicaba o sindicato nacionalista.

A Proposición de Lei que promove a CIG cubriría esa necesidade de clarificación normativa e seguridade xurídica, modificando os artigos 34 e 35 do Estatuto dos Traballadores para establecer a obriga para todas as empresas de rexistrar diariamente a xornada dos seus traballadores, en termos similares á regulación actualmente existente para os traballadores móbiles no artigo 10 bis.5 do Real Decreto sobre xornadas especiais de traballo. Tamén se modificaría o artigo 7.5 da Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social, a fin de establecer como unha infracción grave en materia de relacións laborais individuais e colectivas a falta de control ou incorrecto control do rexistro diario de xornada.

No 2015 realizáronse no estado español un total de 327 millóns de horas extras. Unha media de 6,3 millóns á semana. Desa cantidade semanal, a maior parte (por volta de 3,5 millón) non se retribúen. Nun con cartos nin con tempo de descanso. Algo que se fai só en 2,8 millóns de cada 6,3 millóns de horas de exceso de xornada que se realizan á semana. Son datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) e as conclusións son evidentes: o 56% das horas extras que se fan no estado español non se pagan. Ou sexa, perto de 183.120.000 horas anuais sen retribuír.

Comentarios