O Congreso convalida a reforma laboral por un voto de diferenza

O erro técnico dun deputado do PP á hora de votar de modo telemático propiciou a aprobación da reforma laboral, após a ruptura da disciplina de voto dos dous deputados de UPN, partido que acordara darlle o visto e prace á normativa.
O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, na tribuna do Congreso (Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, na tribuna do Congreso (Eduardo Parra / Europa Press).

A reforma laboral impulsada polo Partido Socialista e Unidas Podemos saíu adiante no Congreso. A nova lei recibiu 175 votos a favor e 174 en contra, entre eles o do deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego.

Durante todo o día, a atención estivera centrada nos dous deputados de UPN, xa que do feito de que respectasen a disciplina de voto dependía que a reforma laboral puidese ser aprobada.

Finalmente, ambos os deputados decidiron votar opoñerse á reforma laboral impulsada pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz.

Mais un erro técnico dun deputado do Partido Popular que votou de modo telemático fixo que o cambio de postura dos dous deputados de UPN non cambiase o resultado final. O popular Alberto Casero, representante extremeño, votou a favor da reforma laboral, e cando quixo acudir ao Pleno para votar de maneira presencial, non lle foi permitido.

Confusión durante o reconto

Este erro técnico, que non estaba previsto, levou a que nun primeiro momento a presidenta do Congreso, Meritxel Batet, anunciase que a reforma non saíra adiante. Algo que fixo que os deputados de PP e Vox se levantasen a aplaudir.

Momentos despois, foron os propios servizos xurídicos da Cámara Baixa os que lle indicaron a Batet que os votos a favor da reforma laboral sumaban máis que os votos en contra.

Nese momento, a socialista cambiou o seu anuncio, o que supuxo a convalidación da reforma, e a reacción contraposta dos bancadas de PSOE e UP, onde se escoitaron cantos de "sí se puede".

A reforma foi finalmente aprobada sen ningún dos cambios que propuxeran os socios de investidura, unha das condicións que a CEOE lle puxera ao Goberno de coalición para aceptar a nova lei.

Comentarios