O Congreso aproba, a iniciativa do BNG, instar o Goberno español á intervención de Alcoa e Alú Ibérica

Votaron a favor, ademais do Bloque, PP, Unidas Podemos, ERC ou Eh Bildu. PSOE abstívose e Cs votou en contra.

Néstor Rego, voceiro do BNG no Congreso (Nós Diario)
photo_camera (Foto: E. Parra / Pool / Europa Press)

O Congreso insta o Goberno español a establecer un calendario para a intervención pública de Alcoa e Alú Ibérica. A Cámara española aprobou esta terza feira, a instancias do BNG, esta petición ao Executivo cunha modificación do PP – engadir “temporal”-.

A proposta contou co apoio, para alén do Bloque, de PP, Unidas Podemos, Esquerra Republicana de Catalunya ou EH Bildu. Abstivéronse PSOE, PNV e Vox e votou en contra Ciudadanos.

“Sempre dixemos que a solución non ía ser xudicial e que era precisa unha solución política. O Goberno español ten que optar pola intervención pública como única saída da crise”, defendeu Néstor Rego, deputado nacionalista na súa intervención.

A proposta aprobada no Congreso consta de tres puntos. No primeiro, o Lexislativo insta o Executivo español a “actuar coa máxima axilidade, dilixencia, transparencia no proceso de diálogo entre Alcoa, a Administración, a representación dos traballadores e potenciais compradores”.

“Establecer un calendario para a intervención pública temporal de Alcoa que permita o control por parte da SEPI”, de cara sempre a garantir a actividade “e os postos de traballo na factoría de San Cibrao” é o segundo punto.

Alú Ibérica

Finalmente, “tendo en conta a intervención xudicial decretada de Alú Ibérica A Coruña e Avilés”, ínstase a esa “intervención pública temporal” para incorporar Alcoa á SEPI “para o desenvolvemento do seu plan industrial que permita a plena actividade produtiva e a ocupación dos cadros de persoal destas 2 plantas.

Comentarios