martes 14.07.2020

O Congreso aproba o decreto da "nova normalidade"

Por 265 votos a favor, 77 en contra e 5 abstencións 
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, durante a súa intervención. (Foto: EP)
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, durante a súa intervención. (Foto: EP)

O Goberno español conseguiu sacar adiante no Congreso o decreto que regula o período da denominada "nova normalidade", iniciado tras a fin do estado de alarma, cos votos a favor de PSOE, Unidas Podemos, PP e Ciudadanos, entre outras forzas políticas.

A norma, que estende a obrigatoriedade do uso de máscara en medios de transporte e espazos abertos ao público cando non se poida manter unha distancia de 1,5 metros, foi validada no Congreso con 265 votos a favor de PSOE, Unidas Podemos, PP, Ciudadanos, PNV, Máis País, PRC, UPN e Coalición Canaria; 77 en contra de Vox, Junts per Catalunya, ERC e Bildu e 5 abstencións, entre elas a do Bloque Nacionalista Galego (BNG).

Agora seguirase tramitando na Cámara como proxecto de lei, de modo que os grupos poderán presentar as súas emendas. Así o decidiron os deputados e deputadas nunha segunda votación tras a validación do texto.

O PP vota a favor e provoca o receo do PNV

O Partido Popular non desvelou o sentido do seu até o mesmo momento das votacións e, a diferenza co acontecido coas últimas prórrogas do estado de alarma, que rexeitou, nesta ocasión decidiu votar a favor coa "esperanza" de poder introducir na tramitación da norma algunhas das súas propostas, "como a creación dunha Oficina de Atención ás Vítimas da COVID-19 ou un plan xurídico que permita confinar a poboación sen necesidade de recorrer ao estado de alarma".

As expectativas que ten o PP de cambiar o texto aprobado polo Goberno suscita receos no PNV. O seu portavoz, Aitor Esteban, xa avisou de que os nacionalistas vascos votarán en contra do proxecto de lei se se introducen cambios que supoñan -a ollos do PNV- unha "diminución" das competencias que o Estatuto recoñece ao Executivo vasco.

Pola outra banda, Junts per Catalunya e ERC presentaron o seu voto en contra como un "castigo" ao mando único que supuxo o estado de alarma e que, na súa opinión, arrebatoulles competencias ás autonomías, mentres que Bildu xustificouno pola viraxe que percibe no Goberno español ao pactar con Ciudadanos e PP este decreto. "Así non", advertiu a portavoz da esquerda abertzale, Mertxe  Aizpurua.

comentarios