Quen é quen en cada lista?

A conformación das candidaturas aumenta as tensións na Marea

O control das listas electorais divide a converxencia. Esta terza feira comeza o período de primarias, que concluirá un día após.

[Imaxe: Marea Atlántica] Asistentes á marea constituínte o 30 de xullo en Vigo
photo_camera [Imaxe: Marea Atlántica] Asistentes á marea constituínte o 30 de xullo en Vigo

A presentación de 18 listas ao proceso de primarias que vai desenvolver En Marea entre o 16 e 17 de agosto para elixir as súas candidatas e candidatos non é máis que outro capítulo da lea interna polo control das candidaturas para as eleccións autonómicas do 25 de setembro entre as diversas forzas que conforman este espazo electoral. O fracaso do intento dos diversos aparatos das forzas políticas que dirixen o proceso por tentar conseguir unhas listas de consenso era evidente nas últimas semanas, tanto pola  forte tensión vivida nas xuntanzas desenvolvidas no ámbito local e nacional como polas declaracións públicas de diversos dirixentes dos partidos de En Marea. O mesmo Manoel Santos, militante de Anova moi próximo a Beiras e responsábel de comunicación desta organización, chegou a manifestar no seu perfil de Facebook que “Se a Cámara galega fose de 200 escanos estaba todo resolto. O problema é o das estreiteces do Hórreo”.

Pola Coruña pelexan 5 listas, por Lugo 3, por Ourense 3 e por Pontevedra 7

Son 5 as candidaturas que pelexan polos postos da lista na circunscrición da Coruña, “Onda Verde”, encabezada por Xesús Pérez Balirac e promovida por militantes de Equo e do Espazo Ecosocialista; “Unha Marea para un País”, encabezada polo deputado de AGE Antón Sánchez e promovida por unha parte de Anova; “A Marea do Pobo”, encabezada polo economista Manolo Lago e promovida por Esquerda Unida; “Mar de Todas”, encabezada polo sindicalista Xan Xove e promovida por “Marea Atlántica”, e por último a lista do militante de Anova Eduardo García Santiago. A loita en Lugo líbrase entre 3 candidaturas, Lugo Plural, encabezada por Elías Pérez e promovida por militantes  do Espazo Ecosocialista; “Marea do Pobo”, encabezada pola militante do PCE Vanessa Somoza e promovida por Esquerda Unida, e “Rede de Mareas de Lugo”, encabezada polo antigo afiliado de “Compromiso por Galicia” Víctor Álvarez e promovida por ex militantes de “Compromiso por Galicia” canda membros de Cerna e persoas pertencentes ao Foro Galego.

A pelexa en Ourense enfronta “Somos Quen”, encabezada polo alcalde de Manzaneda David Rodríguez e promovida por unha parte de Anova; “Marea das Terras de Ourense”, encabezada pola afiliada de Anova Rita González e promovida por algúns militantes desta formación e de “Ourense en Común”, e “Somos Marea”, encabezada pola dramaturga Ánxeles Cuña e promovida por Esquerda Unida. Son 7 as listas que batallan en Pontevedra, “A Marea do Pobo”, encabezada pola Secretaria Xeral do PCG Eva Solla e promovida por Esquerda Unida; “En Movemento por Pontevedra”, encabezada pola militante de Podemos Paula Quinteiro e no que ocupa o segundo posto o líder da FPG Mariano Abalo e promovida por Anova coa incorporación de afiliados da formación morada críticos con Carme Santos; “Marea da clase traballadora”, encabezada polo antigo secretario de CCOO no Salnés Ramón Bueno e promovida por militantes de Esquerda Unida; “Tendendo Pontes”, encabezada pola deputada escindida de AGE Chelo Martínez e promovida por Cerna; “Onda Verde, encabezada por Xosé Manuel Ledo e impulsada por Equo; “Mareas abertas en común”, encabezada polo dirixente ecosocialista Xoán Hermida e promovida por membros desta formación e de Anova, e “Marea Brava”, encabezada por Paulino del Río e promovida por membros da candidatura municipalista “Gondomar Concello Aberto”.

A lea chegou ao interior das propias organizacións que conforman “En Marea” até o punto de que militantes e tendencias da mesma organización confróntanse en diversas candidaturas

Mestura nas listaxes

A lea chegou ao interior das propias organizacións que conforman “En Marea” até o punto de que militantes e tendencias da mesma organización confróntanse en diversas candidaturas por ocupar os postos nas listas electorais. Así, a militancia de Esquerda Unida na circunscrición de Pontevedra divídese en 2 candidaturas, “A Marea do Pobo” e a “Marea da clase traballadora”, formada por persoas moi próximas no seu momento ao deputado do Salnés de AGE Xóan Fajardo, que si participa da lista oficial de Esquerda Unida.

Anova é a organización que se presenta máis divida, na Coruña loitan entre si a candidatura de Antón Sánchez, avalada por Xosé Manuel Beiras, contra a liderada por Eduardo García Santiago, da que forma parte o secretario de Organización deste partido, Rafael Dópico. O mesmo acontece en Ourense, a candidatura “Somos Quen”, que aglutina o sector beirista de Anova, enfróntase a “Marea das Terras de Ourense”, cuxo primeiro e segundo posto ocupan militantes de Anova, se ben neste caso aliñados coas teses da FPG. As diverxencias no seo do partido liderado por Mariano Abalo, formación integrante de Anova, que tiveron o seu reflexo no abandono da FPG dun sector encabezado polo secretario xeral da CUT, Manolo Caamaño, aboian de novo co apoio deste grupo á lista encabezada por Xoán Hermida contra a da propia Anova onde Abalo ocupa o segundo posto.

A incorporación de Podemos

A Marea Atlántica e Esquerda Unida, segundo fontes consultadas por Sermos Galiza, chegáronlle a ofrecer a Podemos entre o 20 e o 25% total da representación total da converxencia

A incorporación de Podemos á confluencia, o encaixe da formación morada nas candidaturas e particularmente as cotas das diversos partes no grupo parlamentario de “En Marea” está aumentando nas últimas horas a xa de por si conflitiva situación interna. A pasada sexta feira, na xuntanza mantida polos representantes de “En Marea” con Pablo Echenique e Carolina Bescansa, fixéronse varias achegas sobre a porcentaxe de deputados que lle corresponderían aos podemitas no parlamento do Hórreo, chegándolle ao ofrecer desde Marea Atlántica e desde Esquerda Unida, segundo fontes consultadas por Sermos Galiza, entre o 20 e o 25% total da representación total da converxencia.

Na mesma reunión foi palpábel a tensión entre Anova, Marea Atlántica e Esquerda Unida, até o punto de que estas dúas organizacións viron como os de Beiras se fechaban en banda ás diversas formulas ofrecidas por estes para desatascar  a situación. A menos de 24 horas para que arranquen as votacións para decidir os candidatos e candidatas de “En Marea” as espadas continúan en alto, sen que ningunha das forzas que conformen a confluencia se atrevan a prognosticar un resultado.

Comentarios