luns 26/07/21

Eva Solla: "A confluencia é necesaria pero tense que fraguar de maneira conxunta"

A XIII Asemblea Nacional de Esquerda Unida ratificou na fin de semana Eva Solla (Vigo, 1984) como coordinadora nacional para os vindeiros catro anos. A súa candidatura, Construír a esquerda, obtivo 69,7% de apoio das bases, impóndose á lista de Pola esquerda confluente. 'Nós Diario' conversa con Solla sobre a nova folla de ruta da organización.
A viguesa Eva Solla recuncou como líder de Esquerda Unida na XIII Asemblea Nacional da organización.
A viguesa Eva Solla recuncou como líder de Esquerda Unida na XIII Asemblea Nacional que a organización realizou a 10 de xullo. (Foto: Nós Diario)

—Coas teses ratificadas este sábado, Esquerda Unida (EU) quere recuperar perfil propio e presenza pública. Sae a organización reforzada do conclave?

Si. Fixemos un debate importante despois dos últimos resultados electorais, que foron negativos para EU. Tanto este debate como os traballos que se fixeron durante a Asemblea Nacional serven para reforzar a organización e para debuxar o horizonte dos próximos anos. 

—A vitoria da súa candidatura sobre a lista de "Pola esquerda confluente" pode entenderse como un toque de atención a Alberto Garzón ou Yolanda Díaz, dicíndolles que Izquierda Unida (IU) reivindica maior peso e perfil propio? Esta cuestión chega ademais nun momento en que en a nivel estatal hai voces que consideran que o espazo IU e PCE deixouse absorber por Podemos.  

Non o creo así porque, de feito, os documentos seguen apostando polos procesos de confluencia. Outra cousa é que, a teor dos malos resultados que tivemos nos últimos tempos, teñamos que traballar desde outro punto de vista e con outra metodoloxía. 

—Mais na tese aprobada [con 73,7% de apoio] critícase que nas coalicións electorais houbo "trabas para dificultar a visibilidade dos membros de EU", así como dificultades á participación de EU no deseño das campañas. Mesmo din que iso podería provocar que no futuro non sexan posíbeis os acordos. 

Consideramos que a confluencia política segue a ser necesaria porque é positiva a nivel de intervención social, máis alá dos procesos electorais. Pero para iso [a confluencia] tense que fraguar de maneira conxunta, desde as bases. 

Os acordos de carácter electoral para concorrer de maneira conxunta a determinados procesos electorais nos últimos anos son simplemente acordos de coalición e, en moitas ocasións, non se deron na igualdade que a dirección entrante de EU entende que deberan ter. 

E desa falta de equidade nos acordos en moitas ocasións saen desacordos, roces e diferenzas, que o único que fan é non facilitar unha continuidade ao longo do tempo do traballo conxunto. 

A unidade popular non ten que ver unicamente coa confluencia electoral e tense que traballar desde a base e, a partir de aí, se as relacións e os acordos son moito máis equitativos e favorecen a participación de todas as forzas políticas que as integren será máis fácil traballar e que haxa continuidade no tempo. 
 
—O balance de xestión é crítico co traballo de Antón Gómez Reino na campaña de 2020 como candidato de Galicia en Común á Presidencia da Xunta, mais tamén coa baixa da ministra Yolanda Díaz en Esquerda Unida. Cómpre unha renovación nos liderados de confluencia a nivel galego?

Nós non temos capacidade, intención nin vontade de decidir sobre o que teñen que facer as outras organización políticas.
Fomos extremadamente escrupulosas durante todos estes anos respectando os procesos internos de Podemos e do resto de organizacións coas que confluímos, e non vai ser diferente agora.

Outra cousa é que tivéramos dificultades no transcurso destes procesos electorais, que ademais estiveron moi marcados pola irrupción da pandemia e a forma telemática en que virou toda a campaña. 

E iso eliminou a coralidade da representación na campaña, algo que consideramos negativo. A xente non votaba Podemos, nin IU, senón a capacidade de sumar diferentes forzas políticas, e iso eliminouse. Houbo dificultades que quedan patentes nese documento [no balance de xestión aprobado na XIII Asemblea Nacional de Esquerda Unida].

Respectamos as decisións que tomen as organizacións en relación coa sua dirección e temos que traballar coa persoa que estea a fronte das mesmas, ou polo menos dialogar. 

—Cales son os alicerces da nova estratexia de EU que se marca nos documentos aprobados na Asemblea Nacional?

O elemento central dos documentos é a necesidade de traballar no ámbito municipal. EU é unha forza municipalista desde a sua constitución en 1986, tivemos altos e baixos na representación nas diferentes eleccións municipais e os últimos comicios locais non foron positivos, aínda que a perda de representación que tivo EU non foi tanta, mais si a representación do espazo xeral en que traballamos. 
Mais alén da cuestión electoral, o elemento central que defendemos é unha maneira de facer política máis achegada á clase traballadora, á cidadanía, e iso ten que ver moito co ámbito municipal. E temos esa cita electoral en dous anos. 

Así pois, o traballo municipal, apoiar os cargos públicos que temos, darlles soporte e incrementar e mellorar a nosa presenza nas localidades é unha cuestión central. Ademais, coa situación en que nos atopamos, con menos visibilidade ao perder representación nas eleccións galegas, é preciso traballar outros eidos como o comunicativo.  

Pobreza e perda de dereitos da clase traballadora

Eva Solla ademais de coordinadora nacional de Esquerda Unida desde 2017 é secretaria xeral do Partido Comunista de Galicia (PCG) e traballa como enfermeira. Para esta viguesa, "a pobreza e a perda de dereitos da clase traballadora" son as principais emerxencias que atravesa a Galiza.

Considera que a clase traballadora "leva asumindo todos os recortes derivados da crise capitalista de 2008" ao que se suma o aumento do índice da pobreza sobrevido pola irrupción da pandemia e a "falta de paraugas social" da Xunta", froito dos recortes do Goberno galego.

Aliás, é moi crítica coa "privatización dos fondos europeos", xa que en vez de empregárense para relanzar os sectores produtivos e reforzar os servizos públicos, a Xunta creou unha empresa público-privada "para dirixilos a grandes multinacionais".

comentarios