A conexión do porto da Coruña dá cumprimento ao acordo de investidura entre BNG e PSOE

O Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana vén de anunciar a sinatura do convenio para deselvolver o acceso ferroviario ao Porto Exterior da Coruña, en Punta Langosteira. Coa sinatura dáse cumprimento a un punto importante do acordo de investidura entre BNG e PSOE.
acordo investidura BNG e psoe
photo_camera Sinatura do acordo de investidura entre o BNG e o PSOE. (Foto: Nós Diario)

A secretaria de Estado do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, e os representantes do resto de entidades implicadas, asinaron o convenio para desenvolver o acceso ferroviario ao Porto Exterior da Coruña, en Punta Langosteira.

Cumprimento dun acordo do pacto de investidura BNG – PSOE

Coa sinatura deste convenio dáse cumprimento a un dos acordos do pacto entre nacionalistas e socialistas para a investidura de Pedro Sánchez como líder do Executivo estatal.

O texto do pacto, asinado polas dúas formacións en 2020, estabelecía o compromiso de “completar a conexión dos portos exteriores de Ferrol e Coruña á rede ferroviaria”. O cumprimento chega con dous anos de atraso pois o investimento se databa para 2020. Alén diso, tamén se contemplaba a chegada da infraestrutura a Ferrol.

En declaracións a Nós Diario, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualificou a sinatura do convenio como “unha boa nova” e lembrou que tiñan incorporado a conexión ao acordo de investidura como unha “infraestrutura prioritaria” para a Galiza. Ademais, Rego sinalou este paso adiante como “imprescindíbel para a operatividade” do porto exterior e que significará “a primeira fase” da incorporación do mesmo ao Corredor Atlántico de mercadorías.

O deputado do Bloque indicou que se trata dun investimento que supón para a Galiza a “orientación ao conxunto de Europa” e que o transporte das mercadorías do país “bascule cada vez máis do terrestre para a combinación do marítimo e do ferrocarril”, o que supón “comezar a pensar noutra perspectiva” no que atinxe á circulación de produtos.

O parlamentario galego finalizou sinalando que desde a súa formación non entendían por que a conexión "non se executou ao mesmo tempo que as obras do porto exterior”. Porén, esperan que unha vez se fixo o anuncio da sinatura do convenio, “a tramitación da licitación non demore e se poida empezar a traballar”.

A consecución do porto exterior da Coruña foi unha reclamación recorrente por parte do BNG tanto historicamente como na actual lexislatura. Unha posición tamén defendida nos últimos tempos polo portavoz do BNG na Coruña, Francisco Jorquera, que en 2021 emprazou a Alberto Núñez Feixoo “a que actúe como presidente do goberno galego" e a Inés Rei "como alcaldesa da cidade" para que fosen firmes “á hora de exixir o acceso ferroviario co porto exterior”.

O Ministerio comprométese cun proxecto chave

Segundo trasladou o Ministerio, así se avanza "de modo claro cara á consecución dunha infraestrutura chave" para a posta en valor da terminal portuaria e da propia cidade, xa que se incrementará a competitividade do transporte ferroviario de mercadorías, en liña cos obxectivos de mobilidade sostíbel promovidos a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, da Estratexia de Mobilidade Sostíbel, Segura e Conectada, e da iniciativa Mercadorías 2030.

O investimento estimado para a execución das obras é de 157,1 millóns de euros (sen IVE), que se financiarán con cargo ao Mecanismo de Reconstrución e Resiliencia, e asignados á Autoridade Portuaria da Coruña.

O convenio subscrito regula as condicións de financiamento e desenvolvemento de todas as actuacións necesarias para a elaboración do proxecto e a execución e posta en servizo das obras do acceso, incluíndo as medidas correctoras de impacto ambiental estabelecidas na Resolución do 13 de xuño de 2017 da Secretaría de Estado de Medio Ambiente.

Obras

As obras serán promovidas pola Autoridade Portuaria e, en virtude dos acordos estabelecidos no convenio, Adif licitará e executará as obras. A nova infraestrutura ferroviaria incorporarase á Rede Ferroviaria de Interese Xeral, asumindo o Porto a súa titularidade e administración.

O trazado, cunha lonxitude total de 6,7 km de lonxitude, dos que 5,3 km discorren en túnel, deséñase en vía única sen electrificar, sobre a que nunha primeira fase montarase vía con ancho ibérico (1.668 mm), prevéndose a súa posterior adaptación ao ancho internacional (1.435 mm). Así mesmo, o deseño proposto é compatible coa futura electrificación do acceso.

Após a sinatura do documento, a Autoridade Portuaria aprobará o proxecto construtivo do ramal, incluíndo o necesario para a execución e posta en servizo das obras de plataforma, vía e instalacións de seguridade. Posteriormente, Adif aprobará a licitación das obras. As entidades traballan co obxectivo de publicar o anuncio da licitación antes de que finalice o mes de febreiro.

Complementariamente á actuación obxecto do convenio, e fóra do alcance do mesmo, o Porto coruñés licitará e executará as obras para o desenvolvemento da Fase 1 da rede ferroviaria interior no Porto Exterior, que darán continuidade ás obras do novo ramal de acceso. O investimento estimado para a devandita actuación ascende a 14 millóns de euros (sen IVE), que serán tamén financiados no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Algo moi esperado

Pola súa banda, o delegado do Goberno do estado na Galiza, José Miñóns, celebrou a sinatura deste convenio, "algo moi esperado" para A Coruña e o seu porto. "É algo ao que nos comprometemos como Goberno", engadiu.

En declaracións durante a súa visita a Lugo, Miñóns lembrou que a obra se vai financiar a través do Plan de Recuperación e que, aínda que a Autoridade Portuaria debe agora aprobar o proxecto construtivo, deuse "un paso moi importante". "Esperamos en breve ter o proxecto en marcha", manifestou.

Comentarios