Conde Roa remata a terceira declaración pola Pokemon: "Eu temer só lle temo a Deus"

A comparecencia do ex rexedor de Compostela perante a xuíza Pilar de Lara iniciárase o 29 de marzo e tivo que se suspender polo asasinato dunha muller. Está imputado por prevaricación, aceptación de subornos e tráfico de influencias

Gerardo Conde Roa e Ángel Currás (arquivo).
photo_camera Conde Roa cede a alcaldía a A. Currás [Arquivo]


"Eu temer só lle temo a Deus". Con esta tranquilidade compareceu perante a imprensa o ex alcalde de Compostela, Gerardo Conde Roa, após declarar durante cinco horas no marco da operación Manga, derivada da Pokemon que investiga unha trama de corrupción sobre adxudicacións irregulares de concesións públicas en varios concellos da Galiza. 

A declaración de Conde Roa iniciouse na sexta feira 29 de marzo e ficou interrumpida polo asasinato dunha muller en Lugo, o primeiro caso de violencia machista con resultado de morte rexistrado no País este ano. O ex rexedor presentouse esta segunda feira perante a xuíza Pilar de Lara por volta das 10 da mañá e acompañado dunha mochila. Algo máis de cinco horas despois saíu "moi satisfeito" e reiterando que é "absolutamente inocente" dos delitos de prevaricación, aceptación de subornos e tráfico de influencias que se lle imputan.

Nin el nin o seu avogado facilitaron información sobre a declaración. Refusaron confirmar se achegaran novas probas ou se Conde Roa tería que volver declarar. Desmentiu ter pedido un cambio de xulgado para que a instrución se levase desde Compostela e dixo que "a xustiza é única, cunha venda e cunha báscula" e que el se desprazaba até a cidade da Muralla "encantado".

Comentarios