Espimos os programas electorais

Concerto galego e modelo fiscal. Que nos propón cada candidatura?

O concerto económico galego é unha reivindicación histórica na Galiza para o país poder recadar todos os impostos e para ter capacidade de decisión sobre onde e como se inviste. Analizamos as propostas de cada organización política de cara ao 28A en relación ao financiamento e ao modelo fiscal que defenden.

Evasión fiscal
photo_camera Financiamento e fiscalidade

A configuración do Estado español fai que as institucións galegas teñan restricións de investimento e que Galiza siga carecendo dun concerto económico, como si o ten Euskadi. O chamado cupo permitiría recadar todos os impostos no país e decidir desde aquí os niveis de gasto e non ter que depender dos criterios de Madrid. De feito, nas últimas semanas Alberto Núñez Feixoo tivo que pedir permiso por carta ao Ministerio de Sanidade para poder investir o superávit galego.

O BNG aposta no concerto económico para Galiza

Na aposta polo concerto económico está o Bloque Nacionalista Galego, que pula no seu programa electoral por un novo modelo de financiamento baseado no concerto económico e na bilateralidade co Estado. “Trátase de que a Galiza recade todos os impostos e teña capacidade para decidir como os inviste”, afirman desde a formación nacionalista, “coa perspectiva de poder desenvolver políticas sociais e de blindaxe de servizos públicos”, segundo engaden no seu programa.

É por iso que inclúen a creación dunha facenda galega e dotar a Galiza de plena capacidade para implantar unha política fiscal propia, que responda “a criterios de xustiza e redistribución social” e dirixida a garantir que todas as empresas que operan no país paguen aquí os tributos.

O BNG tamén mantén a súa demanda da reforma do financiamento local para evitar as limitacións do endebedamento

O BNG tamén mantén a súa demanda da reforma do financiamento local para evitar as limitacións do endebedamento e restricións do défice público marcadas pola Constitución e na Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local, “un asalto á democracia”, segundo denuncian, por “impoñer o aforro e a redución do gasto público como principais criterios no funcionamento dos Concellos”, coa intención de favorecer a iniciativa privada, sinalan.

Defenden tamén unha nova fiscalidade que incremente a capacidade de recadación e criterios xustos. Nesa liña, reivindican unha revisión do imposto sobre a renda “que incorpore a progresividade real” e gravar os beneficios das grandes empresas e grandes fortunas, as transaccións financeiras e os produtos de luxo. Pola contra, consideran necesario reducir a imposición do IVE en todos os tipos, estabelecendo que os bens e servizos esenciais, así como os bens de carácter cultural, tributen no tramo superreducido.

No extremo máis oposto ao nacionalismo sitúanse PP e Ciudadanos, que insisten na recentralización

“A política fiscal debe estar guiada polo criterio de que o diñeiro onde mellor está é no peto dos cidadáns”. Toda unha declaración de intencións do ideario da dereita que se recolle no programa do PP, en contra da fiscalidade progresiva.

Comprométense desde a dereita no cumprimento do Pacto de Estabilidade e Crecemento da Zona Euro para recortar o orzamento público segundo as regras de gasto en todas as comunidades autónomas e administracións públicas, e remarcan que este será “un principio prioritario da política económica e orzamentaria”.

Desde Ciudadanos emprenderon unha cruzada contra o concerto vasco

Desde Ciudadanos emprenderon unha cruzada contra o concerto vasco, ao que denominan “cuponazo” a modo de exemplo para o resto de nacións. Nesa andaina españolizadora, anuncian tamén un “stop ao dispendio” para o que propoñen auditar todas as subvencións e gastos públicos e políticos.

Sánchez mantén o modelo actual co impulso dunha reforma de financiamento autonómico 

O PSOE comprométese a impulsar un pacto de Estado para reformar o sistema de financiamento autonómico e local, mudando a “regra de gasto” co obxectivo de "adecuar a distribución dos recursos públicos entre Estado, autonomías e concellos” para, segundo indican, “garantir o cumprimento das competencias, a igualdade no acceso os servizos públicos” así como “mellorar” a atención ás necesidades da cidadanía no ámbito urbano e rural.

Non hai cambios no programa do PSOE a favor dun posíbel concerto galego

E enfatizan, que todo debe ser compatíbel coa redución do défice e a débeda. Non hai pois cambios no programa do PSOE a favor dun posíbel concerto galego.

En Común-Unidas Podemos quere máis recursos para Galiza e “maior autogoberno cunha harmonía fiscal entre territorios”

Máis recursos para Galiza, demandan desde En Común-Unidas Podemos, para o que apostan en reformar o sistema de financiamento e “avanzar na suficiencia, a capacidade de xestión, a cohesión territorial e a solidariedade”. Nese sentido, defenden a reforma do marco normativo, xa que o actual restrinxe a capacidade de toma de decisións.

Queren desligar normativamente o equilibrio das contas públicas do obxectivo real de reducir o gasto público

Desta maneira queren desligar normativamente o equilibrio das contas públicas do obxectivo real de reducir o gasto público e da capacidade das administracións para intervir na economía. As propostas principais neste ámbito son anular a reforma do artigo 135 da Constitución española, que impón a prioridade do pago do servizo da débeda por riba de calquera outro gasto e derrogar a Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira.

A reforma do sistema de financiamento autonómico que defenden busca “dar resposta ás necesidades da cidadanía galega” e potenciar a capacidade financeira de Galiza “nun marco compartido de corresponsabilidade das comunidades autónomas, que faga compatíbel un maior autogoberno cunha harmonización fiscal entre territorios”.

En Marea defende un financiamento autonómico que faga xustiza coa nosa sociedade e atenda o custo real dos servizos

Para a organización liderada por Luís Villares a clave está nun financiamento autonómico que faga xustiza coa sociedade galega e atenda o custo real dos servizos e “que responda positivamente ás demandas pendentes de transferencias”.

Avogan por unha fiscalidade xusta solidaria e redistributiva e desenvolver a lei xeral tributaria. Reivindican tamén a equiparación do trato fiscal das rendas de traballo e de capital, unha tributación xusta respecto á capacidade da persoa contribuínte. En canto á persecución da fraude avogan por erradicar os mecanismos de evasión fiscal e a supresión das SICAV.

Outra das prioridades de En Marea é o desenvolvemento dunha banca pública ao servizo da economía real

Outra das prioridades de En Marea é o desenvolvemento dunha banca pública ao servizo da economía real “en lugar dun sistema financeiro exclusivamente privado”, así como promover unha fiscalidade verde e unha “nova política comercial asentada na cooperación”.

Inclúen tamén a supresión dos beneficios fiscais á Igrexa, auditar e reestruturar a débeda pública e a modificación do modelo de financiamento local garantindo a sostibilidade municipal, derrogando pois a nova Lei de Bases de Réxime Local.

Compromiso por Galicia lamenta a “perda dun sistema financeiro autóctono” e propón unha reforma fiscal

Desde a formación galeguista sinalan como un dos principais problemas “a perda total dun sistema financeiro autóctono” en referencia á desaparición das caixas de aforro e á compra dos bancos galegos por capital exterior.

Propoñen ademais unha reforma da fiscalidade para incluír a creación dunha taxa europea sobre as transaccións financeiras de capitais de carácter unicamente especulativo, como solución “para conseguir unha tributación xusta sobre os beneficios xerados polas empresas multinacionais e evitar a intensa fraude fiscal”.

Comentarios