Concellos insumisos con Sogama devolven a primeira das facturas co novo prezo

Acompañan o recibo dun informe no que detallan as condicións contractuais asinadas coa empresa de Cerceda. Nos contratos en vigor especifícase que a suba do canon só se axustará ao incremento anual do IPC. 

concellos sogama
photo_camera [Imaxe PSdeG-PSOE]

Os concellos comezaron a recibir esta semana as facturas de Sogama correspondentes ao mes de marzo. Nelas a empresa de xestión de residuos de Cerceda incorpora o novo prezo após o incremento nun 34% do canon aprobado pola Xunta de Galiza. 

Neste senso, e de acordo coa decisión adoptada polos municipios que se declararon insubmisos ao 'taxazo', algúns dos 90 gobernos que integran o grupo dos críticos comezarán a devolver as facturas. Amosan así o seu rexeitamento a unha suba que coidan "unilateral" e "inxusta", logo de que o executivo de Alberto Núñez Feijóo --co conselleiro de Medio Ambiente á cabeza-- se opor a valorar outras posibilidades que reducisen o custe do servizo fornecido por Sogama. 

Os contratos asinados con Sogama fixan un incremento do custe de acordo co IPC

Este é o caso dos concellos de Monforte (BNG) e Becerreá (PSOE). Ambos os dous remitirán nos vindeiros días a factura á factoría de Cerceda acompañada, iso si, dun informe da intervención e da secretaría municipal en que salientan as condicións recollidas no contrato asinado con Sogama polas que se fixa un incremento máximo no prezo de acordo coa suba anual do IPC. Non máis. 

Pola súa banda, Sogama xa advertiu que levará os concellos que non paguen perante os tribunais. 

O conflito xerado polo incremento do canon "abriu unha fenda entre o municipalismo e a Xunta", aseguraban os rexedores dos concellos insubmisos ás portas de San Caetano após o goberno galego rexeitar asumir unha parte do novo prezo. O conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, insistíu en que esta medida --proposta por 90 concellos-- "non é vontade da Xunta nen é posíbel" o que motivou aos gobernos municipais insubmisos a continuar adiante coa presión e devolver as facturas. 

Outros, pola contra, están a valorar novos modelos de xestión de residuos decididos a continuar o camiño iniciado por Rianxo. O seu alcalde, Adolfo Muíños (BNG), anunciou que abandona a planta de Cerceda para se sumar á Mancomunidade do Barbanza, un proceso de xestión baseado nos 3R e na produción de compostaxe. Pola súa banda, Allariz tamén iniciará este verán un proxecto piloto de recollida 'porta a porta'. 

Comentarios