Os concellos galegos perderon 1.700 millóns de euros desde 2004 co actual sistema de financiamento

de financiamento local son unánimes desde o municipalismo. A propia Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) chegou a cualificalo de “perverso” na súa asemblea xeral de 2019. A última liquidación dos Orzamentos Xerais do Estado non deixa dúbidas.

alberte e abel
photo_camera Á esquerda, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, e ao seu lado, o seu homólogo da Femp, Abel Caballero (Foto: Fegamp)

Os concellos galegos reciben 226,73 euros por habitante do Estado. Segundo a última liquidación dos Orzamentos Xerais do Estado referida a 2018, os municipios galegos sitúanse á cola das achegas estatais, só por diante de Castela-A Mancha, Estremadura e Murcia. Mentres a contribución media estatal aos concellos dos diversos territorios está en 281,59 euros por habitante, contía superada no caso de Madrid, Catalunya e Aragón, Galiza resulta infrafinanciada despois de recibir no seu conxunto 612 millóns de euros.

O actual modelo de financiamento local, vixente desde 2004, beneficia o factor poboación en detrimento do custo da prestación dos servizos. O marco normativo aprobado por decreto lei polo derradeiro Goberno de José María Aznar e recollido na denominada Lei Reguladora de Facendas Locais continúa a liña da lexislación fiscal aprobada polos liberais na segunda metade do século XIX, no contexto dunha operación destinada a avanzar na articulación dun Estado unitario.

O sistema de financiamento favorece os concellos de máis poboación. Un dos piares do modelo vixente é a participación nos ingresos do Estado, uns fondos que cada mes envía o Goberno español aos municipios como entregas a conta procedentes da recadación prevista dos diversos tributos de carácter estatal e cuxa liquidación se realiza de xeito mensual. Porén, o seu reparto non responde a criterios de pura proporcionalidade aritmética, senón que aqueles concellos con máis poboación reciben unha prima en detrimento daqueles con menos habitantes. Así as cousas, en 2018 Galiza ingresa por este concepto 612 millóns de euros.

Os criterios de reparto teñen unha ampla marxe para a discrecionalidade. As contías finais das achegas estatais están tamén condicionadas polo denominado esforzo fiscal e o coñecido como inverso da capacidade tributaria. Segundo este principio, o Estado pode reducir a súa contribución a un concello se o Goberno entende que un municipio ten máis capacidade para subir os impostos e non procede a elevalos. Neste sentido, desde o Ministerio de Facenda xustifican as rebaixas nas achegas á Galiza pola negativa das corporacións locais a acometer subidas no Imposto de Bens Inmóbeis (IBI) e por non actualizar os valores catastrais.

A Fegamp, crítica co sistema

A Fegamp desmárcase deses argumentos e carga contra a súa intencionalidade. O órgano de representación do municipalismo galego destaca os procesos de axuste á alza dos valores catastrais nos últimos anos de común acordo coa Axencia Tributaria e denuncia que unha maior presión neste concepto non dá para compensar a caída das entregas a conta. Neste sentido, as queixas contra o modelo de financiamento é unha constante por parte rexedores galegos.

O documento aprobado pola asemblea xeral da Fegamp de 2019 sinala que “a análise do modelo implantado en 2004 e vixente a día de hoxe denota multitude de ineficiencias que se foron acrecentando ao longo do tempo. Os criterios técnicos empregados están xerando equilibrios evitábeis”. Na mesma liña, chega a cualificar o sistema de “perverso” e advirte da situación que se crea con aqueles municipios cuxa liquidación resulta negativa a final de ano e son obrigados a devolver cantidades ao Estado.

No mesmo relatorio de 2019, afírmase que “os criterios foron moi prexudiciais para os concellos galegos que acumulan desde entón un diferencial negativo respecto á media estatal, que supera os 1.700 millóns de euros, cuantificados en euro por habitante. Os concellos maiores de 500.000 habitantes -non hai ningún deste tipo na Galiza- triplican o que perciben de media os menores de 20.000 habitantes en termos per cápita”. Non é casual que Madrid sexa o territorio máis favorecido con 378,3 euros por cápita.

Comentarios