28-M

Os concellos galegos, en mans do electorado indeciso

A campaña electoral dos comicios locais deste domingo chegou esta sexta feira ao seu remate. Alfonso Rueda, Valentín González Formoso e Ana Pontón aproveitaron os últimos momentos da contenda para tentar mobilizar o votante e decantar a importante bolsa de electorado indeciso, que en diversas urbes galegas sitúase arredor de 20%. Precisamente, esta situación e o apartado das proxeccións electorais nalgúns concellos avanzan uns comicios abertos, onde o PP busca recuperar as posicións perdidas en 2019, o PSdeG manter as actuais e o BNG gañar novos Gobernos.
Arriba á esquerda, Telmo Martín e Alfonso Rueda, e á dereita Goretti Sanmartín e Ana Pontón. Abaixo á esquerda Ángel Mato, Margarita Robles e González Formoso. Á dereita, Iara Mantiñán, Antón Gómez Reino e Gloria Alonso.
photo_camera Arriba á esquerda, Telmo Martín e Alfonso Rueda, e á dereita Goretti Sanmartín e Ana Pontón. Abaixo á esquerda Ángel Mato, Margarita Robles e González Formoso. Á dereita, Iara Mantiñán, Antón Gómez Reino e Gloria Alonso.

A xornada de feche de campaña de populares, socialistas e nacionalistas foi significativa de como se atopan os comicios. Un intenso calendario de actos en diversos puntos do país, co obxectivo de reforzar as liñas argumentais para mobilizar o potencial electorado, que en porcentaxes importantes ten aínda o voto por decidir. A capacidade para decantar o denominado voto indeciso e unha parte das e dos abstencionistas determinará o resultado final do domingo. A importancia dos últimos días de campaña na decantación do voto non deixa de gañar peso. A este respecto, o barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) do mes de maio sinalou que 10,2% da poboación entre 18 e 24 anos e 6,2% do grupo de idade entre 25 e 34 anos deciden o seu voto o día da xornada de reflexión. Nesta mesma liña, destaca que 5,6% das persoas menores de 25 anos e 4,8% das incluídas entre 25 e 34 anos determinan o seu sentido de voto no propio día das eleccións.

As posibilidades de recuperar os espazos perdidos na Galiza urbana e nas deputacións redúcense para o PP a medida que a campaña chega ao seu fin. Neste momento, a dirección da formación só ve factíbel gañar as Alcaldías de Ferrol, Ourense e Lugo, se ben recoñece que na última cidade a situación está moi complicada e a intención de voto do PP mingua de modo continuado desde o arranque do proceso electoral. Na mesma dirección, as opcións de éxito nas deputacións cífranas a Ourense, onde o actual presidente, Manuel Baltar, parte con vantaxe para repetir no cargo.

O PP traballa por manter a súa rede de poder nas vilas e concellos de menos poboación. Nesta liña, observan con preocupación a situación en localidades como Chantada, Ribeira ou Vilanova de Arousa, onde a división interna do partido pode rematar por pasarlle factura nas urnas. Precisamente, unhas das súas liñas de campaña ten como obxectivo agrupar o voto de toda a dereita nas súas candidaturas, tentando sumar apoios entre a base social de Vox e no antigo electorado de Ciudadanos. Nesa liña, enténdense as apelacións máis ideolóxicas de Rueda esta sexta feira.

Alfonso Rueda fechou a campaña en Ferrol

O mandatario galego instou a cidadanía desde Ferrol, unha cidade en disputa que o PP aspira a recuperar, que “voten pola ilusión e non pola amargura, polo entendemento e non polo enfrontamento, pola unidade e non pola división, pola defensa dos intereses de Ferrol e non pola defensa dun partido ou de Pedro Sánchez”. Nesta liña, agradeceu “o apoio e implicación co Partido Popular” e asegurou que “este domingo o partido responderá as súas expectativas e estará á altura nos 313 concellos galegos”.

Pontón fecha na Coruña cun BNG á alza

Os nacionalistas sábense á alza. As enquisas veñen anunciando desde o comezo da campaña un incremento importante na porcentaxe de voto e de representación do BNG nos ámbitos urbanos, vilegos e rurais. Neste sentido, agardan manter a Alcaldía de Pontevedra, sumar a de Lugo, pelexar a de Compostela e ampliar a presenza nas outras cidades. Ao tempo, apostan por reter os Gobernos que dirixen noutros municipios e engadir varios novos como A Guarda, Cangas, Pantón ou Soutomaior, na liña do adiantado por diversas sondaxes.

O alcance do avance electoral do BNG dependerá da súa capacidade para mobilizar o voto da poboación menor de 40 anos e concentrar nas súas candidaturas os sufraxios do electorado situado máis á esquerda do taboleiro político. Precisamente, as sondaxes que se foron coñecendo durante a campaña e as proxeccións das propias formacións políticas apuntan á existencia de importantes bolsas de indecisas e indecisos, particularmente, entre a mocidade. Neste sentido, explícanse os chamados á participación da xente nova realizados nos últimos días por Pontón, que cifra neste sector unha parte das posibilidades de éxito das candidaturas nacionalistas.

Pontón sinalou desde un acto electoral na Coruña xunto ao candidato do BNG nesta cidade, Francisco Jorquera, que “é o momento de sumar no BNG todo o voto rebelde, inconformista, que quere un país máis xusto e con máis dereitos, todo o voto que defende cidades verdes, inclusivas, feministas, é o momento de concentrar no BNG todo o voto da cidadanía que quere cidades vivas, produtivas, que defendan o comercio local, que colocan as persoas no centro”. Nesta perspectiva, significou “como foi medrando a corrente de simpatía cara ao BNG, pero é fundamental que esa simpatía se traduza en votos”.

Formoso non se resigna e tamén pelexa por Ferrol

A dirección do PSdeG vese en condicións de reter os Gobernos logrados en 2019. Neste sentido, dá por feitas as Alcaldías de Vigo, A Coruña, Compostela e Lugo e con capacidade para pelexar Ourense e Ferrol. Así, destaca, que nesta última urbe  hai marxe para sumar os votos necesarios para conformar unha maioría alternativa ao popular José Manuel Rei Varela. Ao tempo, auguran unha vitoria electoral de Francisco Rodríguez en Ourense, en base á súa boa valoración fronte a Manuel Cabezas e Gonzalo Pérez Xácome.

Os socialistas non agardan mudanzas nos Gobernos das deputacións. A este respecto, amósanse seguros de reeditar os actuais Executivos na Coruña, Lugo e Pontevedra, cos actuais presidentes Valentín González Formoso, José Tomé e Carmela Silva á fronte. Malia a ausencia de cambios na composición final dos Gobernos das corporacións provinciais, non descartan baile de escanos en determinados partidos xudiciais da Coruña e Pontevedra. Porén, consideran moi asentada a posición de Baltar  en Ourense, na liña do avanzado polas distintas sondaxes.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, no seu acto de feche de campaña en Betanzos, asegurou que a súa formación terá un “gran resultado” e reclamou “que se acuda a expresar nas urnas o respaldo social que notan nas rúas”. Neste sentido, incidiu que “este domingo decidimos entre dúas formas de facer política, a que aporta ilusión, proxectos de futuro, postos de traballo de calidade e servizos públicos dignos, e a que non aporta máis que ruído, crispación e a política de amiguetes para administrar os cartos de todos”.

Candidaturas municipalistas

As candidaturas municipalistas herdeiras das antigas mareas ou situadas na esfera política de Esquerda Unida e Podemos son unha das grandes incógnitas deste proceso. As diferentes proxeccións electorais recoñécenlle unha capacidade de resistencia maior da agardada e outórganlles representación na Coruña, Ferrol e Compostela. Concretamente, na cidade herculina compite polo mesmo espazo de Marea Atlántica unha candidatura, Por Coruña, promovida desde a esfera de EU e Podemos, liderada polo antigo concelleiro de Cultura de Xulio Ferreiro, José Manuel Sande.

O dirixente de Podemos, voceiro da Galicia en Común e deputado no Congreso, Antón Gómez Reino, sinalou desde o acto de feche de campaña da súa formación no Grove, que “a maioría absoluta do PSOE no concello do Grove non leva a cabo as políticas transformadoras que o municipio demanda e é necesario que Podemos entre no Concello”.

*SEGUE EN NÓS DIARIO A NOITE ELECTORAL, CO ESCRUTINIO DOS 313 CONCELLOS EN DIRECTO, MINUTO A MINUTO; PACTÓMETRO, GRÁFICAS, ENQUISAS A PÉ DE URNA... E MOITO MÁIS!

Comentarios