Os concellos galegos denuncian o “trato discriminatorio” do goberno central

Recibiron en dez anos 1.400 millóns de euros menos que a media estatal.

Galiza betanzos xeografía vila cidade territorio

Os concellos galegos exixen a fin do que cualifican como “trato discriminatorio” por parte do goberno central, unha discriminación que se traduce en que en só dez anos (1994-2004) recibiron 1.400 millóns de euros menos a respecto da media estatal. É a denuncia que fai a Fegamp (Federación galega de municipios e provincias), que presentou o documento ‘As 100 demandas da Fegamp’, na que resume propostas e peticións de cara a mellorar a xestión local.

Os concellos galegos reciben por habitante unha media de 194,9 euros mentres que os municipios españois reciben 243,5; isto é, 49 euros máis que os de Galiza. “Madrid trátanos de xeito discriminatorio”, critica Alfredo García, alcalde do Barco de Valdeorras e presidente dos rexedores galegos.

Desde a Fegamp póñense exemplos desa discriminación: os 200 concellos galegos de menos de 5.000 habitantes receben 17 millóns de euros menos que a cidade de Murcia, que ten menos habitantes que todos eses municipios. Porque o criterio actual de financiamento limítase a considerar o número de habitantes. Esquece así cuestións como a dispersión, por exemplo, que encarece o custo dos servizos que os municipios están obrigados a prestar.

Mais o modelo de financiamento aplicado polo goberno central castiga tamén as cidades de Galiza: Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago, Lugo e Pontevedra suman 924.000 habitantes. Mais reciben en conxunto oito millóns de euros menos que Málaga, que ten 357.000 veciños menos.

Desde a administración local volveron reiterar a súa importancia, nomeadamente na prestación de servizos. Por iso queren que o superávit que teñan os concellos non fique engulido para cubrir o déficit e que poida destinarse tamén a prestar servizos. 

Comentarios