Cinco concellos galegos debaterán mocións polo translado á Galiza d@s pres@s independentistas

A plataforma cidadá Que voltem para a casa! enceta unha campaña de denuncia da dispersión que inclúe a presentación de mocións nos plenos municipais dos concellos de onde son veciñ@s @s pres@s independentistas galeg@s: Ames (PP), Becerreá (PSdG-PSOE), Compostela (PP), Ordes (Unión por Ordes), Teo (Anova) e Vigo (PSdG-PSOE).

concelloames
photo_camera Casa do Concello de Ames [SG]


Os cinco concellos de onde son veciñ@s os seis independentistas galegos presos en réxime FIES 3 --Ames (Hadriam Mosqueira 'Senlheiro'), Compostela (Eduardo Vigo), Ordes (Carlos Calvo), Teo (Antom Santos) e Vigo (Roberto R. Fialhega 'Teto' e Xurxo R. Olveira)-- para alén de Becerreá --María Osório, en liberdade provisoria--, debaterán no mes de novembro senllas mocións en contra da dispersión penitenciaria á que fican submetidos os seis primeiros e que tamén se lle aplicou a Osório no ano e medio que estivo encarcerada. 

Anunciouno Que voltem para a casa!, a plataforma impulsada polas familias d@s pres@s que naceu hai catro meses co apoio das organizacións políticas BNG, Anova, Causa Galiza, Nós-UP, Primeira Linha e FPG; e dos sindicatos CIG, Fruga, CUT e CNT. Segundo informou o colectivo cidadán, as mocións "terán como eixo fundamental o cumprimento da lexislación vixente", o que se traduce na petición do translado dos seis independentistas a algún dos cinco centros penitenciarios da Galiza "e o respecto aos seus dereitos fundamentais". 

Para alén do apoio "daquelas forzas políticas que teñen amosado a súa oposición á actual política penal", Que voltem para a casa! subliñou que, "desde o respecto e o diálogo", petará tamén na porta de PSdG-PSOE e PP. Co obxectivo de visibilizar a situación d@s pres@s, a plataforma convocou tamén mobilizacións ás portas dos mencionados concellos. Malia non estaren fechadas aínda as datas, decorrerán todas no mes de novembro. 

Seis presos e tres sen xuízo

Dos seis independentistas presos unicamente tres foron xulgados e, malia que xa se ditou sentenza na súa contra, esta non é aínda firme. Así, a Audiencia Nacional española enxuizou entre o 24 e o 27 de xuño Antom Santos, Roberto R. Fialhega e Eduardo Vigo, para alén de María Osório que foi posta en liberdade provisoria en febreiro de 2013 por motivos de saúde.

Na resolución, que se fixo pública en setembro, a AN dá por probada a existencia dunha organización terrorista que opera na Galiza, 'Resistencia galega', e condena Osório e Santos a 10 anos de prisión por pertenza a banda armada e falsidade documental. Para Fialhega e Vigo impón outros 8 anos por tenza de explosivos con finalidade terrorista.

Dos outros tres independentistas que están na cadea, Carlos Calvo e Xurxo R. Olveira foron detidos en setembro de 2012 namentres que Hadriam Mosqueira entrou no cárcere en xaneiro de 2013. No momento da detención foilles aplicada aos tres a lexislación antiterrorista para envialos despois cumprir prisión preventiva en réxime FIES 3 --banda armada-- en centros penitenciarios de fóra da Galiza.

Comentarios