Concellos da contorna de Pontevedra impulsarán unha entidade supramunicipal para xestionar en común a auga

Os concellos de Pontevedra, Marín, Sanxenxo, Poio, Vilaboa, Bueu e Ponte Caldelas acordaron iniciar os contactos para avanzar na creación dunha entidade supramunicipal que xestione conxuntamente o sistema de abastecemento de auga.

Ría de Pontevedra (Imaxe: Pedro Davila/ Europa Press)
photo_camera Ría de Pontevedra (Imaxe: Pedro Davila/ Europa Press)

Ademais, segundo informa o Ministerio para a Transición Ecolóxica a través dun comunicado, os sete municipios solicitarán conxuntamente unha nova concesión de abastecemento a Augas da Galiza, dependente da Xunta.

Son os principais acordos extraídos dunha reunión mantida na segunda feira en Pontevedra entre a directora xeral da sociedade estatal Acuaes, María Rosa Cobo, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a directora de Augas da Galiza, Teresa Gutiérrez.

A este encontro, convocado para abordar distintos asuntos relacionados coa xestión da auga a Pontevedra e á súa ría, tamén acudiron os alcaldes de Sanxenxo, Telmo Martín (PP); Poio, Luciano Sobral (BNG); Marín, María Ramallo (PP); Vilaboa, César Poza (PSOE); e Bueu, Félix Juncal (BNG).

Á reunión tamén estaban convocados os rexedores de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e Ponte Caldelas, Andrés Díaz.

O principal punto en común foi avanzar na constitución dunha entidade supramunicipal para a xestión da explotación do sistema de abastecemento á ría. Este asunto, lembra o Goberno estatal, xa estaba previsto nun convenio anterior subscrito en 2012 entre os concellos e Acuaes, "aínda que nunca chegou a constituírse".

A lexislación na materia estabelece a necesidade de que calquera concesión para abastecemento a varias poboacións sexa tramitada por unha mancomunidade, consorcio ou entidade semellante.

De feito, tanto a solicitude da concesión a Augas da Galiza, como a constitución da entidade supramunicipal deberán formalizarse antes do 30 de setembro. De non ser así, será Augas da Galiza a que xestionará a concesión e a que se encargará da explotación do abastecemento en alta, tal e como asegura o Ministerio.

Así mesmo, como último dos asuntos tratados na reunión, todos os asistentes propuxeron a Marín un sistema que garanta a subministración da auga polo depósito de Mourente (Pontevedra) a partir do 1 de xullo. Isto permitiría evitar as restricións no consumo durante a época estival, como ocorreu en anos anteriores.

Comentarios