Os concellos críticos con Sogama afirman que se abriu unha "fenda grande" entre eles e a Xunta

Após a xuntanza entre unha delegación municipal e o conselleiro de Medioambiente, Agustín Hernández, as alcaldías que rexeitan o incremento no canon de Sogama amósanse "decepcionados" coa actitude do goberno galego que rexeita asumir unha parte do novo prezo. 

SOGAMA2
photo_camera [Imaxe PSdeG-PSOE]

“Non hai acordo porque en ningún momento houbo a intención de Hernández de chegar a un acordo". Así se expresaba o alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco (PSdeG) á saída do encontro que mantiveron unha delegación dos rexedores críticos con Sogama e o conselleiro de Medioambiente. A Xunta de Galiza non amosou vontade de asumir unha parte do incremento do custe --como demandan os representantes institucionais de 90 concellos galegos. 

Neste senso, para o rexedor socialista o que se está a producir é unha "fractura grande" entre "o municipalismo" e o goberno galego. "Déixannos sen saída", sinalou o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez (BNG) quen partilla co de Ribadavia que a situación actual "abre un camiño moi complexo no municipalismo" pois os gobernos municipais non quererán sentar "con quen os desprezou" nunha mesa de negociación sobre o plan de residuos de Galiza, unha das propostas lanzadas polo conselleiro durante a xuntanza. 

"O aumento do 34% foi unha decisión do Goberno de Feijóo para salvar os números dunha empresa privada"

Pola súa banda, Agustín Hernández criticou en declaracións aos medios de comunicación a actitude dos rexedores locais dos que dixo, "dá a sensación de que o único que querían era un compromiso dunha aportación económica da Xunta" que, recalcou, "non é vontade da Xunta nen é posíbel". 

Neste senso, Marcos Blanco denunciou que "o aumento do 34% foi unha decisión do Goberno de Feijóo para salvar os números dunha empresa privada" polo que coidan unha "irresponsabilidade" por parte da administración non valorar "nen sequera" unha revisión da taxa para 2015 "que polo que nos dixo o conselleiro podería rexistrar un novo incremento", acrecentou o de Ribadavia. "Saímos moi decepcionados", sentenciaron.

Comentarios