Os concellos de BNG e PSOE reciben até 13 euros menos por habitante que os do PP en Pontevedra

A Deputación de Pontevedra salienta o "escandaloso" repartimento de fondos públicos a través de convenios, dos que en 2021 "77 foron para concellos do PP, quince do PSOE, catro do BNG e dous independentes".
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, esta sexta feira, en rolda de prensa (Foto: Rafa Estévez / Deputación).
photo_camera A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, esta sexta feira, en rolda de prensa (Foto: Rafa Estévez / Deputación).

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, criticaron esta sexta feira a "intolerábel" discrecionalidade da Xunta da Galiza para "beneficiar de maneira partidista" aos municipios gobernados polo Partido Popular. En rolda de prensa, Silva e Mosquera sinalaron que a Deputación "reparte fondos xustos con criterios obxectivos", unha forma de gobernar que, afirmaron, tiveron clara "desde hai sete anos" e "así" continuarán.

"Queremos denunciar a forma de actuar da Xunta porque é intolerábel", recriminaron. Así, puxeron como exemplo o Plan ReacPon da Deputación, "un plan extraordinario para que os concellos puidesen realizar os seus soños", co que se asinaron 47 convenios "con todos os municipios que cumprían coas bases" para executar proxectos "maduros" que levar a cabo de forma inmediata. "Este procedemento contrasta co da Xunta", indicou Carmela Silva, "que está a asinar convenios a dedo e atendendo á cor política".

Segundo expuxo, os datos obtidos na páxina de Transparencia da Xunta reflicten que o Goberno galego asinou 98 convenios en 2021, dos que 77 foron con concellos do PP, quince do PSdeG, catro do BNG e dous independentes. A contía total destes convenios ascende a 29 millóns de euros, "dos cales 72% dos foron a parar a municipios do PP".

Gasto por habitante

Segundo informou Silva, o gasto total por habitante realizado pola Deputación de Pontevedra na provincia foi de 56,7 euros naqueles municipios gobernados polo PSdeG, 67,6 euros nos do PP, 54,4 euros nos do BNG e 98,8 euros nos que teñen gobernos independentes.

Fronte a isto, o gasto por habitante dos convenios asinados pola Xunta "é un escándalo", profundou a presidenta da Deputación, con 110 euros nos do PP; 14 euros nos do PSdeG e menos de dous euros nos do BNG e independentes. Ademais, salientou que nesta circunscrición "hai 22 municipios cos que a Xunta non asinou nin un só convenio en todo o ano" e que están gobernados por partidos que non son o PP, denunciou.

Segundo enumerou Carmela Silva facéndose eco dos datos da Xunta, por consellarías: a de Presidencia ten 13 convenios con municipios en vigor, "todos do Partido Popular"; a Vicepresidencia Primeira, "a través da Axencia Galega de Turismo repartiu 11 convenios en municipios do PP"; a Vicepresidencia Segunda "só ten un convenio, con Valga, do PP"; en Medio Ambiente "o seu convenio estrela é a construción dun auditorio en Marín (PP)" e na última convocatoria de "convenios de medianoite" adxudicaron axudas a seis concellos do PP e un do PSdeG.

Infraestruturas ten tres convenios publicados na páxina de Transparencia, "e os tres son do PP", e Augas de Galiza ten seis convenios con outros tantos municipios do PP. A Consellaría de Cultura ten oito convenios en vigor, dos que seis son con concellos gobernados polo PP.

Sanidade, dous convenios, os dous do PP, igual que sucede con Política Social e a Consellaría do Mar, a través de Portos da Galiza. Aliás, Medio Rural ten 12 convenios dun total de 15 destinados a municipios do PP. En Educación, o último colexio construído foi en Sanxenxo (PP) e o último instituto en Soutomaior (PP).

A exposición de datos foi máis extensa até concluír co investimento regrado dos orzamentos da Xunta que "leva sen tocarse desde 2009"; con todo, destacou Carmela Silva que a cantidade destinada aos convenios "medra cada ano". "Prefíreno porque é a fórmula para financiar os municipois do PP", alertou, mentres que ás alcaldías "doutras cores" pídenlles financiamento "e exixen que a Deputación de Pontevedra poña o 50%".

Á luz destes datos, César Mosquera sentenciou que este "uso absolutamente partidista e arbitrario" do diñeiro público por parte da Xunta "parece un castigo se non votas ao PP". O vicepresidente da Deputación considerou que "a Xunta vai radicalmente a peor" con "estas prácticas denigrantes para a democracia" e que describe como "caciqueo", polo que pediu que, "agora que marcha Feixoo, oxalá a administración cambie a súa forma de actuar".

Comentarios