O Concello de Riotorto pagará os fármacos a doentes crónic@s

Asi o anunciou o seu alcalde, Federico Gutiérrez Estoa (BNG). O rexedor nacionalista afirmou que "un alcalde está para algo máis que bachear camiños". A administración local afrontará o re-pagamento da veciñanza que padeza enfermidades crónicas. 

Federico Estoa
photo_camera Federico Estoa

Após a aprobación do re-pagamento sanitario para doentes crónic@s e a súa entrada en vigor o pasado 1 de outubro, o Concello de Riotoro anunciou que pagará os fármacos @s utentes que de máis de 157 prestacións farmacolóxicas. "Queremos garantir a universalidade no acceso aos servizos sanitarios", subliñou o alcalde da localidade, Federico Gutiérrez Estoa (BNG). 

O rexedor nacionalista asegurou que "un alcalde está para algo máis que bachear camiños e pór farolas" e instou ás demais alcaldías galegas e do Estado a sumarse a esta iniciativa que procura, di, "evitar as irreparábeis consecuencias dunha política inxusta e discriminatoria" aprobada polo executivo español. 

Veciñanza de Riotorto
A medida impulsada polo goberno de Riotorto fará fronte ao custe dos tratamentos de leucemia, cancro de mama e de ril, tumores cerebrais, hepatite C e doutras patoloxías atinxidas polo re-pagamento farmacéutico de dispensación hospitalaria. Neste senso, poderán aconllerse a esta medida todas as persoas veciñas da localidade que leven máis de 6 meses empadroadas e padezan algunha das enfermidades crónicas cuxos fármacos están suxeitos a re-pagamento. Asemade, explican desde o Concello, a administración local fará fronte ao pagamento da aportación exixida @s doentes ou, mesmo, do custe total dos medicamentos. 

"O obxectivo é que ningún veciño ou veciña da vila quede sen o tratamento axeitado por cuestión de cartos", salientou o Gutiérrez Estoa, "Se o Goberno central non está disposto a derrogar dita resolución discriminatoria, inxusta e que ataca dereitos básicos do pobo, e a Xunta de Galiza segue na súa teima de aceptar esta política e que entre en vigor a finais de ano, o Concello de Riotorto exprimirá ao máximo as arcas municipais, xa debilitadas, para garantir o acceso dos nosos veciños e veciñas aos servizos sanitarios", sentenciou.

Fronte ás políticas privatizadoras do PP 

O alcalde do Bloque lamentou que “as decisións que o Partido Popular está aprobando en materia sanitaria vaian máis aló de consideracións ideolóxicas e sobrepasen a fronteira da ética e da moral". @s nacionalistas teñen claro que o obxectivo final deste tipo de medidas é "facer da sanidade pública un artículo de luxo digno só para os petos máis abundantes" polo que din, desde Riotorto garantirán "a universalidade no acceso aos servizos sanitarios". 

Gutiérrez Estoa animou aos concellos da Galiza e do Estado a se sumaren a esta iniciativa fronte ás políticas do PP que din, "semellan non ter límites". 

Comentarios