O Concello de Pontevedra levará até os tribunais a nova autorización ambiental de Elnosa

A presenza de Elnosa na ría de Pontevedra é unha das cuestións máis polémicas e máis cuestionadas dentro da bisbarra pontevedresa. A pesar da oposición social, a consellaría de Medio Ambiente renovou a pasada semana, unilateralmente, a autorización ambiental da empresa química, definindo tal feito coma un imperativo legal.

 

 

ence 1
photo_camera Un aspecto do complexo de Lourizán, en que está integrada a factoría de Elnosa

O certo é que o mentado procedemento non asegura a cotinuidade da empresa na zona de Lourizán a medio prazo, pois aínda esta por ver se Costas dá o visto bon á prórroga solicitada para manter a súa actividade no complexo de Lourizán como xa fixo no pasado con Ence. O Concello da Pontevedra xa avisa que levará a decisión da Xunta aos tribunais.

Polo momento, e após a renovación ambiental, Elnosa xa non poderá utilizar mercurio para a produción de cloro. A Xunta deu o visto bon desta maneira aos plans da compañía de cambiar a súa tecnoloxía e facer outro tipo de produción que a permita manterse en Lourizán. Dende agora, a empresa contará con tres semanas para desfacerse de todo o mercurio almacenado nas súas instalacións, o que, en teoría, baixará o risco medioambiental de maneira inmediata en toda a zona.

O regulamento que rexe a Unión Europea impide seguir usando o devandito elemento químico para a producción de cloro, e a empresa comprometeuse a cambiar a forma de o obter nas súas instalacións no prazo dun ano. Segundo o proxecto presentado pola empresa, agora avalado pola Xunta de Galiza, Elnosa achégase a unha primeira fase na que só fabricará hipoclorito sódico a partir de cloro comprado a terceiros. Unha vez feitas as obras necesarias para a reconversión da fábrica e instalada a tecnoloxía de membrana esixida pola UE, poderá retomar a produción coma tal de cloro e demáis derivados químicos.

Dende agora, a empresa contará con tres semanas para desfacerse de todo o mercurio almacenado nas súas instalacións

O certo é que a renovación ambiental non colle o Concello pontevedrés por sorpresa. A decisión da Xunta é sinalada como "esperada", en palabras da tenente alcalde, Carme da Silva, pero que igualmente promoveu a indignación por todos os estamentos do goberno municipal e que senten tal feito como unha nova agresión á ría de Pontevedra.

ence 2

O Concello xa prepara un recurso contencioso-administrativo para frear a autorización ambiental integrada. A idea de ir directamente pola vía xudicial parte da dinámica de que pola administrativa nunca se obtén resposta. O goberno local cree que Elnosa fai unha chantaxe a través dos sesenta postos de traballo aos miles de veciños de Pontevedra. Por outra banda, lembra que, na súa opinión, a nova autorización non se outorga respondendo a criterios industriais nin medioambientais. "É unha decisión exclusivamente política", sinala da Silva, que tamén cre que a elección positiva ou negativa sobre tal feito xa estaba tomada antes de o Concello remitir o seu último informe.

O goberno local cree que Elnosa fai unha chantaxe a través dos sesenta postos de traballo aos miles de veciños de Pontevedra

Xa dentro dos tecnicismos, o Goberno do BNG pontevedrés puxo de manifesto cuestións que non se resolven na solicitude de Elnosa, nin tampouco na resolución do ente autonómico. Preguntas tales como onde verterá Elnosa os seus residuos, ou onde captará a auga e en que cantidade, ben como o traxecto dos camións cheos de cloro que agora deberán achegarse até a fábrica dunha maneira externa; non teñen resposta algunha dentro da nova autorización ambiental.

"Imos utilizar todas as ferramentas que permite a lei para tratar de impedir a fabricación de cloro nun entorno urbano", insistiu Carme da Silva, durante a súa declaración aos medios, «porque a maioría dos pontevedreses non queremos que Elnosa siga aí». A tenente de alcalde entende que é normal que os seus traballadores loiten polos seus empregos, mais non a costa de "seguir hipotecando o futuro da ría". Asemade, da Silva sinalou que a autorización ambiental concedida pola Xunta non permite facer obras na fábrica, cuxa petición debería ser tramitada polo Concello. Se é necesario unha mudanza drástica na producción da fábrica, como tal parecen indicar os feitos, Elnosa deberá pedir a aprobación do Concello para as obras necesarias que o permitan. Existe unha sentenza do Tribunal Supremo que obriga a calquera obra de titularidade privada a obter unha licenza municipal, aínda que esté amparada por un proxecto sectorial. Exemplo claro o de Montecelo: a amplicación do hospital sí que se fará cando se aprobe o proxecto supramunicipal, mais Elnosa é unha entidade privada. Non o poderá facer sen pasar pola casa consistorial.

Crónica dun ERE anunciado

 

Elnosa despedirá, nun breve prazo de tempo, a parte do seu cadro de persoal pontevedrés. A dirección da compañía anunciou o pasado 30 de novembro ao comité de empresa a intención de presentar un ERE, que ambas partes comezaron a negociar dende o día 7 deste mesmo mes. Polo momento, non se sabe a cuantía de traballadores, dos 65 cos que conta, que se verán afectados.

Non hai razóns económicas de por medio (Elnosa achega números positivos). A motivación do expediente de regulación de emprego non sería outra que o propio cambio na produción de cloro, ben coma a incertidume de futuro, cara á posibilidade de non poder continuar a súa actividade como até agora no complexo de Lourizán.

Comentarios