O Concello de Pontevedra acusa a Xunta de "retorcer a información até o infinito" coa prórroga a Elnosa

O conselleiro de Medio ambiente, Agustín Hernández, pactou con Elnosa unha prórroga até 2017 após anunciar que a cloreira sairía de Lourizán en 2014. Desde o Concello denuncian que a Xunta "retorce a información até o infinito" con este asunto e advirte que mantén "a vía xudicial aberta".

Agustín Hernández asina o acordo con Elnosa [Imaxe: Xunta]
photo_camera Agustín Hernández asina o acordo con Elnosa [Imaxe: Xunta]

A Consellaría de Medio ambiente, Territorio e Infraestruturas fixo pública esta cuarta feira a prórroga outorgada a Elnosa. Após asegurar hai dous anos que a factoría de cloro sairía de Lourizán en 2014 de maneira "improrrogábel", Agustín Hernández asinou co conselleiro delegado da empresa CUF --propietaria da factoría-- o mantemento de Elnosa na ría até "o segundo trimentre de 2017", baixo o compromiso, dixo Hernández, de que a cloreira non procure unha ampliación da concesión que remata en 2018. 

Agustín Hernández asegurou en 2011 que Elnosa sairía de Lourizán en 2014 mais agora prorroga a actividade da cloreira por tres anos máis

Para Hernández, o pacto asinado entre a administración e Elnosa permitirá á factoría "manter a súa actividade con total normalidade" e "seguridade xurídica" até o 31 de decembro de 2016, cando a cloreira deberá iniciar o proceso de desmantelamento das instalacións. No entanto, cómpre lembrar que após a reforma da Lei de costas, aprobada por Madrid, o goberno español resérvase a última palabra na autorización das actividades industriais e mesmo podería concellerlle unha concesión por 75 anos máis. 

O Concello mantén "a vía xudicial aberta" e acusa á Xunta de "retorcer a información até o infinito"

"O conselleiro vén a darlle unha prórroga de tres anos sobre o que el mesmo tiña dito", denunciou o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera. A Xunta, salientan desde a administración local, "retorce a información até o infinito" e dá unha volta de porca ao mantemento da factoría de Elnosa en Lourizán, se ben o goberno galego asegura desde 1992 que a marcha da cloreira é "inminente". Desde o Concello de Pontevedra advirten que "a vía xudicial" continúa "aberta" e que pularán polo cesamento da actividade de Elnosa, embora a Xunta "lle dea dous ou tres anos máis" mesmo, "desdicíndose dos seus propios compromisos". 

Desde o Concello advirten que Elnosa debe saír da ría decontado e que manteñen "a vía xudicial aberta" para o exixiren

Cumpre lembrar, que a continuidade da actividade produtiva de Elnosa depende dunha autorización ambiental integrada que actualmente "está recorrida" pola administración local. Desde a localidade sinalan que o "informe municipal" emitido rexeita a permanencia da cloreira e lembran que este ten "carácter preceptivo" e "vinculante" segundo fixa a propia lexislación vixente. 

Porén, a Consellaría de Medio ambiente nen sequera "comunicou nada ao Concello", indicou César Mosquera quen non quixo afondar no comportamento que está a manter a Xunta de Galiza con este asunto. "Obviamente", acrecentou o concelleiro de Induatria pontevedrés, Agustín Hernández "non quería que se lle fora estropear" a fotografía do acordo. 

Elnosa podería permanecer nas proximidades da ría

Após a segunda prórroga outorgada pola Xunta de Galiza, Elnosa deberá procurar unha nova localización. Neste senso, o acordo alcanzado a pasada cuarta feira insta a cloreira a propor novos emprazamentos nos que continúar a desenvolver a súa actividade, iso si, mudando a tecnoloxía empregada para a produción á fin de a axustar á normativa europea. Segundo a empresa CUF, Elnosa valora permanecer nas proximidades de Lourizán e proporá un novo espazo situado "na área de influencia da cidade". 

Comentarios