O PP resístese a negociar unha alternativa a Jácome

O Concello de Ourense instálase no bloqueo en plena pandemia

O pleno municipal serviu para a toma de posesión de Telmo Ucha como edil de Democracia Ourensá (DO) no sitio de Mario González, que abandonou o posto hai semanas por desencontros co alcalde. Ucha alineouse con Gonzalo Pérez Jácome e lonxe dos concelleiros críticos.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar (Foto: Europa Press).
photo_camera Baltar ve a moción de censura como única solución. (Foto: Europa Press)
A sesión plenaria da corporación municipal de Ourense decorreu conforme ao previsto. A agardada toma de posesión de Telmo Ucha como concelleiro de Democracia Ourensá (DO), en substitución do dimitido Mario González, serviu para confirmar a decisión do novo edil de manterse a carón de Gonzalo Pérez Jácome, con quen xa partillou escano e, mesmo, un coñecido incidente con membros da policía local.
 
Ucha, nas súas primeiras palabras, sinalou a vontade de traballar “con absoluta lealdade ao alcalde”, cualificou a decisión como “profundamente meditada, sen entrar en cuestións de partido” e manifestou a vontade de contribuír ao desbloqueo da situación política na cidade.
 
A xuntanza serviu para sacar a cara máis autoritaria de Jácome e certificar a necesidade dun acordo ideoloxicamente transversal para desaloxalo da alcaldía. O rexedor, que chamou de maneira reiterada á orde ao portavoz de Ciudadanos, José Araujo, e que retirou a palabra ao voceiro do BNG, Luis Seara, cando reclamou un cambio de posición do PP para favorecer unha mudanza no Goberno, amosou, máis unha vez, a intención de manterse á fronte do Executivo.
 
Ao tempo, o retorno de Ucha á corporación coloca DO con tres concelleiros, polo que impide unha moción de censura subscrita exclusivamente polo PP, Ciudadanos e os concelleiros críticos do partido de Jácome, ao non sumar os 14 votos necesarios para que prospere.
 
A corporación reuniuse após unhas declaracións do presidente dos populares ourensáns, José Manuel Baltar, en que considerou a posibilidade de apoiar unha moción de censura para promover un relevo na alcaldía.
 
“Temos un alcalde sen Goberno, ao que no último pleno 24 de 26 concelleiros pediron a súa dimisión. Non sei se transcorreu tempo suficiente para que o reconsiderase, pero parece que a única posibilidade legal é unha moción de censura”, afirmou Baltar, quen deixou en mans dos concelleiros do partido en Ourense, na liña do expresado días pasados por Alberto Núñez Feixoo, as conversas co resto das forzas para concretala.
 
A oposición criticou ao PP as súas contradición. Neste sentido, as formacións políticas lamentaron que os edís populares non ficasen ao final do pleno a unha xuntanza convocada polo portavoz nacionalista, Luís Seara, para darlle continuidade ao diálogo comezado a pasada semana entre PSOE, BNG e C’S e avanzar no proceso de relevo da alcaldía. Así, Seara recoñeceu a Nós Diario que “ao remate do pleno dirixinme a Jorge Pomar e a Flora Moure para que se sumasen ao encontro, pero rexeitárono”. Unha posición que gardou similitudes coa negativa do presidente local do PP, Jesús Vázquez, de acudir á reunión que decorreu a pasada semana no Liceo de Ourense polo conxunto da oposición.
 
A situación de parálise do Goberno estase deixando notar estes días na cidade, precisamente nun momento onde a pandemia volve dispararse. A este respecto, diversos colectivos sociais e profesionais teñen criticado o labor do Executivo, salientando as protestas dos autónomos e dos libreiros.
 
Así, os primeiros denuncian que as axudas municipais aprobadas para paliar as consecuencias do coronavirus seguen sen chegar, malia o tempo transcorrido desde o seu anuncio. Pola súa banda, os libreiros protestan polo retraso do concello nos pagos das axudas para material escolar, que está a afogar varios negocios da cidade.

Máis en POLÍTICA
Comentarios