MUNICIPAL

O concello da Coruña leva ano e medio sen contestar a petición dunha rúa a Ánxel Casal

O grupo municipal do BNG solicitou en febreiro de 2012 que se lle concedese esa distinción ao editor coruñés asasinado polo golpe fascista pero o goberno local do PP nin se dignou a contestar a iniciativa.

Acto de Memoria Histórica Democrática (arquivo da asociación)
photo_camera Acto de Memoria Histórica Democrática (arquivo da asociación)

Na Coruña, cidade onde aínda hoxe existen rúas co nome de pistoleiros falanxistas ou golpistas do 36, o goberno local non se digna a atender unha solicitude de recoñecemento para un das máis coñecidas vítimas do fascismo, o editor coruñés Ánxel Casal, asasinado hai 77 anos cando era alcalde de Compostela.

O BNG pediulle ao concello que goberna o PP que se bautizase unha rúa da cidade co nome de Ánxel Casal, para así homenaxear a súa figura. Porén, o goberno que lidera Carlos Negreira -o mesmo que chegou a denominar ao fascista Millán Astray de “coruñés de pro”- leva ano e medio sen nin sequera dignarse a contestar a petición do grupo municipal nacionalista.

“O BNG solicita do goberno local que acepte a iniciativa que lle fixemos para o recoñecemento institucional deste galego ilustre que ten contribuído a que a cidade da Coruña sexa máis galega e, ao mesmo tempo, ten contribuído a que Galiza sexa máis coruñesa”, afirma o Bloque nunha nota pública.

Comentarios