O Concello de Compostela denega o punto de luz á manifestación do Bloque

A administración local da capital galega, en mans do Partido Popular, denegou a autorización municipal para que o acto final da manifestación soberanista conte cun punto de luz de acceso público.

"Non nos van calar por moito que o intenten", asegurou Bieito Lobeira, secretario de Organización da fronte após coñecer que o Concello compostelán lles denegou o punto de luz municipal para a manifestación que terá lugar este domingo, 15 de setembro.

Con esta decisión, a administración local reitera a súa actitude de confrontación coas organizacións políticas e sociais. Ao igual que aconteceu o pasado 17 de marzo, a equipa de Goberno volta negar o acceso á luz a máis un colectivo. Cumpre lembrar que o pasado 17 de marzo, o concello de Compostela denegou o permiso á plataforma cidadá Queremos galego con motivo da manifestación que asolagou as rúas da capital na defensa da lingua galega. Neste senso, a administración municipal mesmo chegou a exixir o pagamento dunha fianza --por valor de 600€-- para autorizar a instalación dun palco.

A equipa de goberno apela á ordenanza municipal aprobada o pasado ano na que endurece as condicións que deberán cumprir as organizacións convocantes de calquera actividade nas rúas da capital galega. Porén, o propio texto exclúe ás entidades sen ánimo de lucro, por exemplo, do pagamento deste tipo de taxas. 

Así as cousas, desde o BNG aseguran que "nada" impedirá encher Compostela este domingo para reclamar "os dereitos nacionais da Galiza" e para exixir "un cambio de rumbo nas políticas" desenvolvidas polos gobernos da Xunta e Madrid, que tildan de "anti-sociais" e "anti-galegas". 

Aliás, a organización frontista garante que procurarán unha alternativa para garantir a megafonía no acto de clausura que terá lugar na Praza da Quintana.

Comentarios