A área de Urbanismo de Lugo queda descabezada pola dimisión de Miguel Couto

Esta baixa no Goberno municipal de Lara Méndez relaciónase cos problemas do edil para nomear a unha xefa de servizo da súa confianza. No entanto, a historia desta consellaría na cidade foi inestábel noutros momentos dados algúns dos antecesores no cargo e as polémicas xudiciais que marcaron a súa traxectoria.
Miguel Couto nunha imaxe de arquivo. (Foto: Concello de Lugo)
photo_camera Miguel Couto nunha imaxe de arquivo. (Foto: Concello de Lugo)

O Concello de Lugo anunciou esta sexta feira a dimisión do concelleiro Miguel Couto Alonso, até agora responsábel da área de Urbanismo da cidade, que presentou a súa renuncia onte mesmo.

Segundo o comunicado enviado pola equipa da rexedora Lara Méndez, o titular de Urbanismo Sostíbel alegou “motivos persoais” para deixar o cargo. A súa renuncia será efectiva no pleno que decorrerá esta quinta feira, 25 de marzo.

A fuga deste concelleiro, que estaba con Méndez desde o principio do mandato actual, parece ligada as trabas que atopou para nomear a unha xefa do servizo de Arquitectura da súa confianza. Igualmente especúlase cunha posíbel mala relación coa rexedora.

Polo que se fixo público nas últimas semanas, Couto pensara no traslado dunha funcionaria de Compostela, mais tivo que quedar cun traballador público cuxa traxectoria laboral xa estaba no Concello con anterioridade. Isto, supostamente, faría que xa fallara na toma de posesión doutros cargos do seu departamento e que non quixera seguir adiante.

Horas despois de que se dera a coñecer a dimisión, o PP de Lugo afirmou que esta situación "era vista". Así, aluden ás "desavenencias" con Méndez "froito da guerra entre os de Besteiro e os de Caballero".

Ao parecer dos populares, que Urbanismo quede descabezado "ten que ver coa política personalista" da alcaldesa. "Esta crise interna xa se vía vir desde o momento en que Lara Méndez desautorizou ao concelleiro co nomeamento dun xefe de área que non era o que el tiña seleccionado".

Malia que de momento as historias semellan totalmente diferentes, o certo é que o departamento de Urbanismo de Lugo parece gafado desde hai moitos anos. Algúns dos ocupantes dese posto anos atrás víronse rodeados da polémica por supostas irregularidades.

O caso Garañón

Por exemplo, o propio alcalde Xosé López Orozco e o que era secretario xeral do PsdeG-PSOE, José Ramón GómezBesteiro, tiveron que renunciar aos seus cargos en 2015 e 2016 ao verse imputados nunha causa aberta pola xuíza Pilar de Lara.

Orozco trasladou o poder a Lara Méndez na Alcaldía pero Gómez Besteiro ascendera na súa carreira política e xa non era o concelleiro de Urbanismo, cuxo pasado foi unha pedra no camiño, senón líder dos socialistas galegos. Mais as licencias urbanísticas no caso de O Garañón, situado xunto ao parque Rosalía de Castro, chegaron ao xulgado e as baixas foron practicamente obrigadas.

Porén, hai escasas semanas a Xustiza decidiu arquivar este caso contra Gómez Besteiro (e tamén contra Orozco) por non considerar probadas esas irregularidades. En tal escenario non se descarta que o que fora tamén presidente da Deputación de Lugo regrese á política activa.

Na etapa posterior

Outro dos responsábeis de Urbanismo do pasado de Lugo está en pleno proceso xudicial. Trátase de Francisco Fernández Liñares e, neste caso, está acusado por presuntos delitos de prevaricación e suborno nunha etapa posterior, cando accedeu á presidencia da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Son só algúns dos exemplos de polémicas vinculadas ao departamento municipal.

Comentarios