A campaña máis dixital

A comunicación e as redes sociais, chaves na campaña

A distancia social que dita a Covid-19 rompeuse a través das redes sociais. Os partidos analizan as estratexias da campaña que culmina hoxe. 
Teléfono móbil comunicación

A atípica campaña electoral das eleccións ao Parlamento da Galiza remata hoxe cun punto en común para todos os partidos: o papel decisivo das estratexias de comunicación e das redes sociais na carreira cara ao 12-X.

Desde o PSdeG, Noelia Otero salienta os actos polo país do candidato, Gonzalo Caballero, que ve "necesarios" para rachar coa fenda dixital. "Preocúpame que a xente estea desinformada estes días, espero que a democracia triunfe nas urnas o domingo", salienta.

O BNG está a "actualizar" o seu imaxinario, en palabras de Xavier Campos, centrado en potenciar a súa candidata, "a fortaleza básica da campaña". "Ana Pontón é o referente para moita xente que vota por primeira vez BNG", di.

Galicia en Común centrou a súa acción na figura do candidato, Antón Gómez-Reino, e Marea Galeguista apostou polo audiovisual para defender as súas propostas.

Pola súa banda, o candidato á reelección polo Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, basea a súa campaña nunha soa palabra: "Galicia, Galicia, Galicia". As siglas do PP nunca son visíbeis, deixando só espazo para o seu apelido. O PP foi consultado por Nós Diario para participar nesta información, mais non foi posíbel contar coa súa achega. 

Noelia Otero: "Intentamos vencer a fenda dixital co noso candidato, que percorre o país"

 Número 6 na candidatura por Pontevedra do PSdeG e xornalista

"Tiña moi claro que as redes sociais son fundamentais, sobre todo agora. Teñen a parte positiva de que chegas á xente nova e até arredor dos 40 anos, mais a parte negativa é que estou a comprobar que hai moita xente desconectada", asegura Otero, que salienta que desde o PSdeG "intentamos vencer a fenda dixital co noso candidato, Gonzalo Caballero, que percorre o país, as catro provincias, cada día, como era o seu compromiso". Os socialistas están a misturar a parte de campaña máis tradicional coas accións nas redes sociais. "Percibo que a xente se está a enganchar nestes últimos días. Este non era un bo momento para unha campaña, temos a convicción de que o PP quixo aproveitalo".

Iria Figueroa: As redes sociais foron moito máis relevantes nesta campaña"

 Xornalista e número 2 na lista de Galicia en Común-Anova Mareas por Pontevedra.

"As redes sociais e a comunicación son importantes en todas as campañas, mais foron moito máis relevantes nesta porque o contacto era moito máis limitado dado que case non se fixeron repartos", conta Figueroa, que salienta a acción con diferentes ilustracións que representan Galiza realizada na última semana da campaña pola coalición. "Foi unha aposta polos artistas galegos. Unha maneira de simbolizar a mensaxe de pasar da Galiza en branco e negro a unha Galiza de cor", explica. A coalición centrouse estas semanas en visibilizar ao seu candidato, Antón Gómez-Reino, para "amosar a parte máis persoal, a do día a día, máis humana e menos ríxida".

Xavier Campos: "Queríamos relacionar a creación e o talento coa nosa candidata"

Coodinador de Comunicación e redes sociais da campaña do BNG á Xunta.

 "Nesta campaña potenciamos a liña que levamos desenvolvendo desde hai catro anos, centrados moito na creatividade. Queríamos relacionar a creación e o talento coa nosa candidata, a máis valorada segundo as enquisas", afirma Campos, que destaca a ilustración de Ana Pontón "case icónica" realizada pola artista Lidia Cao, que pertence "a ese perfil de xente que queremos pór en valor". Os vídeos son parte esencial da campaña do BNG, como o titulado Unha vida nova, con xente castigada pola crise de 2008 e que corre o risco de pagar a da Covid-19. "Queríamos que tivese un punto de contracultura, con formato documental, que funciona como un retrato xeracional na boca dos protagonistas".

Iván Olmos: "Penso que se percibiu ese traballo a pé de rúa, esa veracidade"

Coordinador de comunicación da campaña da Marea Galeguista.

"Intentamos plasmar a través de ferramentas audiovisuais os actos e reunións que mantivemos ao longo do país", explica Olmos, que apunta que contaron "con moitísimo menos orzamento que outras candidaturas". A da Marea Galeguista foi unha campaña sen mitin ao considerar que "son para os convencidos" e para "diminuír riscos". "Contamos coa eiva de que a marca electoral é de recente creación", sinala Olmos, que fai fincapé en que os "clips audiovisuais" que distribuíron para "visibilizar" as súas accións nas redes sociais "funcionaron moi ben". "Penso que se percibiu ese traballo a pé de rúa que fixeron as deputadas de En Marea desde 2016, esa veracidade".

Comentarios