En Común-Unidas Podemos aposta en protexer as traballadoras culturais

A ollos da candidatura de En Común-Unidas Podemos, no eido cultural, déronse “pequenos avances”, como o Estatuto do Artista, pero faltan, advirte, “recursos e decisión executiva”. De aí a necesidade de “protexer os traballadores e traballadoras culturais”

PODEMOS
photo_camera [Imaxe: En Común-Unidas Podemos]

Ou “un profundo retroceso” ou “avanzar colectivamente”. Así se pronunciaba o cabeza de lista de En Común-Unidas Podemos pola Coruña, Antón Gómez-Reino, durante a presentación das propostas da candidatura en materia de memoria, cultura e lingua. Fíxoo, acompañado de representantes da cultura, na mañá da segunda feira na Fundación Luís Seoane da Coruña.

En relación á cultura, Gómez Reino botou en falta “un apoio máis decidido á produción audiovisual en lingua galega e debemos axudar tamén as pequenas salas”. Apostou en “abordar unha xestión diferente dos dereitos de autor, que sexa limpa e transparente”.

A respecto do galego, o candidato de Unidas-Podemos reivindicou o seu “recoñecemento internacional” e amosou o seu compromiso coa Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias. Defendeu o fomento do galego nas administracións estatais, onde “queda moito por avanzar”.

Recuperar "os bens espoliados pola familia Franco"

En canto á memoria, a tamén candidata Loreto Taibo chamou á recuperación dos “bens espoliados pola familia Franco” e a poñer a disposición do público “o que é de todas”, como o pazo de Meirás, a Casa Cornide ou as esculturas do Mestre Mateo. A nulidade das sentenzas dos xuízos franquistas e a creación dunha Lei Integral de Memoria son outras das propostas de Unidas-Podemos, que quere facer “un mapeo das fosas comúns”.

Tamén interveu no acto o concelleiro da Marea Atlántica José Manuel Sande, quen puxo de manifesto a necesidade de “transformar o concepto de evento”, primando a idea de coñecemento sobre a idea de espectáculo, e estimular a concorrencia.

Ademais das parlamentares Ánxeles Cuña e Luca Chao, tomou a palabra o presidente da Academia Galega do Audiovisual e membro do equipo asesor do programa de En Común-Unidas Podemos, Carlos Ares, quen agradeceu o “traballo feito no Congreso” e quen puxo de manifesto que “a defensa da cultura tamén ten a ver coa defensa das condicións de traballo das persoas que se dedican á cultura”.

Comentarios