En Común exixe reforzar a atención primaria na loita contra a COVID-19

Gómez-Reino propón acordar por consenso un calendario de oposicións
O portavoz de Galicia En Común, Antón Gómez-Reino (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera O portavoz de Galicia En Común, Antón Gómez-Reino (Imaxe: Nós Diario)

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, demandou á Xunta esta quinta feira, 23 de abril, reforzar "ao máximo en profesionais e medios" a atención primaria na Galiza, e salientou que esta "se vai converter na primeira liña de defensa contra a COVID-19".

Nese sentido Reino salientou que a atención primaria sufriu "recortes de 21%" no seu orzamento durante os últimos anos do Goberno de Alberto Núñez Feixoo. Nunha rolda de prensa telemática, Reino exixiu ás Administracións públicas que apoien o persoal profesional sanitario da atención primaria, "que levan en moitos casos anos traballando en condicións moi precarias, con contratos de días ou semanas e sen continuidade", criticou.

Por iso, demandou que a Consellaría de Sanidade "dea certezas" ás traballadoras da primaria e "consolide" os seus contratos. Ademais, Gómez-Reino considerou que a elaboración do estudo epidemiolóxico que anunciou a Xunta deben levalo a cabo "as e os investigadores" e non o cadro profesional de atención primaria.

No tocante ao adiamento das oposicións de profesorado, Reino quixo "parabenizar ao conxunto de opositoras e opositores que coa súa mobilización fixeron recuar a Xunta na súa ilóxica posición de manter a convocatoria”.

Desde a coalición afirmaron "non entender que a conselleira de Educación volvese actuar unilateralmente, sen o consenso demandado por opositoras e sindicatos" , polo que piden a garantía de mantemento e ampliación da oferta de emprego público para o 2021.

Finalmente, Reino instou o conselleiro de Sanidade a que “deixe de facer propaganda cando segue a aumentar o número de contaxios na Galiza”.

O portavoz da coalición tamén criticou o “silencio da TVG, que censura á oposición ao non emitir o debate da Deputación Permanente no Parlamento da Galiza mentres TVE si que ten retransmitido a sesión de control no Congreso como corresponde nunha democracia parlamentar".

Comentarios