Parlamento

Común da Esquerda propón unha lei galega de educación

Con motivo da celebración do Día Internacional do Ensino presentan un decálogo coas "chaves" para avanzar no debate público.
As deputadas do Grupo Común da Esquerda Ánxeles Cuña e Luca Chao (Nós Diario).
photo_camera As deputadas do Grupo Común da Esquerda Ánxeles Cuña e Luca Chao (Nós Diario).

A portavoz do Grupo Común da Esquerda Luca Chao e mais a deputada Ánxeles Cuña presentaron esta sexta feira no Parlamento da Galiza un decálogo con "dez chaves para unha lei galega de educación" que pretende servir de "base de diálogo" con toda a comunidade educativa para "avanzar" nos cimentos dunha lei propia en materia educativa que, segundo explicitaron, "poida aplicar o futuro Goberno progresista da Xunta".

O Grupo Común da Esquerda lanzou esta proposta no Día Internacional do Ensino co amparo da que semella "inminente" derrogación da Lomce, "esa penosa lei educativa do PP, elitista e centralista", en palabras de Luca Chao, que "abre unha ventá de oportunidade para dialogar cal é a lei propia que necesita Galiza".

"Non podemos seguir permitindo o desmantelamento e privatización do ensino público en mans de Feixoo. Levamos unha década na que ao tempo que se baleiraba o ensino público aumentaba o diñeiro para a concertada", apuntou Chao, que salientou que ante a "ofensiva" da ultradereita hai que contestar "dicindo claramente que modelo educativo queremos".

"Dunha lei de educación espérase o máximo consenso social, por iso queremos discutila cos sindicatos, as anpas, as representantes do estudantado...  con toda a sociedade", sinalou Chao. No texto aparecen 151 medidas entre as figura "blindar o dereito á educación no orzamento, estabelecendo un plan que permita incrementar o financiamento destinado ao ensino até alcanzar o 7% do PIB" e "garantir a gratuidade dos libros de texto" e "dos servizos de comedor e transporte". Así como "incorporar" a "educación feminista en todas as etapas educativas" e "garantir", como xa se aprobou na Cámara galega, "unha educación afectivo-sexual feminista e diversa".

Ademais, este decálogo inclúe que se "universalice a educación infantil pública e gratuíta de 0 a 3 anos", que se "incremente o número de profesionais que atenden as necesidades de apoio educativo" e que se "recoñeza e reivindique a singularidade e relevancia das escolas rurais" do país. As deputadas indicaron que o documento presentado será compartido en reunións e nunha "xornada de debate" e que será un traballo "previo" para avanzar no camiño á lei galega de educación que será "máis fácil" co "PP fóra da Xunta".

Comentarios