Parlamento

Común da Esquerda di que a Xunta "perpetúa o desastre" de Sogama

Reunión con colectivos a prol do medio ambiente pola lei de residuos na Cámara galega
Reunión do Grupo Común da Esquerda con colectivos a prol do medio ambiente (Nós Diario).
photo_camera Reunión do Grupo Común da Esquerda con colectivos a prol do medio ambiente (Nós Diario).

A portavoz do Grupo Común da Esquerda Luca Chao denunciou onte que a nova lei de residuos que pretende sacar adiante o Goberno de Feixoo "perpetúa o desastre ambiental de Sogama".

Común da Esquerda reuniuse onte na Cámara galega cos principais axentes en defensa do medio ambiente da Galiza para traballar nas emendas a esta norma que presentará o grupo, "coa que o Goberno de Feixoo pretende enmascarar o desastre da súa xestión en materia de residuos". Chao agradeceu a presenza dos colectivos Adega, Verdegaia, Greenpeace Galiza, Fridays For Future, Amigas da Terra, Sociedade Galega de Historia Natural e das plataformas veciñais afectadas en Touro, Ordes e Casalonga, a unha xuntanza na que tamén participaron o portavoz Antón Sánchez e os deputados Marcos Cal e Xan Xove.

"Esta é unha lei que se concibe para adaptar as directrices europeas en materia de xestión de residuos, que marcan para o 2020 obxectivos de reciclaxe do 50%, mentres que Sogama está a día de hoxe no 3%.  É unha lei baleira de contido real e unha burla á cidadanía galega", criticou Chao.

A voceira engadiu que "Sogama ten un negocio multimillonario para Naturgy, a quen lle sae moi a conta contaminar o que é de todas". "Temos un modelo de xestión de residuos centralizado en mans privadas que transporta o 90% dos residuos, coas consecuentes emisións que isto provoca", salientou.

Fronte a este modelo, Común da Esquerda reclama un tratamento de residuos "descentralizado e de proximidade", que din que foi esquecido nesta lei. "Xa abonda de leis de propaganda que o único que fan é asegurar negocios privados a costa de contaminar o que é de toda a cidadanía", agregou. 

Comentarios