Común da Esquerda denuncia que a Xunta "pretende ampliar o horario" ás casas de apostas

Eva Solla tamén acusou o Goberno galego de "seguir concedendo licenzas autonómicas" ás casas de apostas que "non teñen licenza municipal".
apostas
photo_camera apostas

Común da Esquerda denunciou que a Xunta pretende ampliar o horario de apertura das casas de apostas e así "facilitar o negocio deste lobby empresarial" a pesar do "grave problema de saúde pública" que supoñen estes espazos.

Nunha rolda de prensa ofrecida esta quinta feira na Cámara galega, a deputada Eva Solla tamén acusou o Goberno galego de "seguir concedendo licenzas autonómicas" ás casas de apostas que "non teñen licenza municipal".

"A Xunta segue poñéndose ao lado dos empresarios do xogo lonxe de tomar algún tipo de acción e contrariamente ao xa anunciado", dixo a parlamentar, que recordou que a administración galega comprometeuse a frear a aparición destes establecementos.

Solla lembrou que o Partido Popular votou no Parlamento da Galiza contra un proxecto de lei presentado polo seu grupo para "frear a proliferación" destes espazos ao asegurar que a Xunta xa traballaba na súa propia norma ao respecto.

Porén, a pesar dos meses que pasaron, a deputada criticou que se chegue a final de ano sen coñecer o texto no que traballa a administración galega. "Non imos permitir que a lexislatura remate cun incumprimento da promesa de frear as casas de apostas", dixo.

"Hai un grave problema de saúde pública e o único que fai o Goberno galego é modificar as condicións para que as casas de apostas continúen a proliferar", criticou.

Máis en POLÍTICA
Comentarios