Parlamento

Común da Esquerda denuncia que o PP segue a favorecer as eléctricas

O Grupo Común da Esquerda presentará emendas á lei de ordenación do territorio no Parlamento da Galiza.
O portavoz do Grupo Común da Esquerda Antón Sánchez (Nós Diario).
photo_camera O portavoz do Grupo Común da Esquerda Antón Sánchez (Nós Diario).

O portavoz do Grupo Común da Esquerda Antón Sánchez criticou esta sexta feira as intencións do proxecto de lei de ordenación do territorio que está en pleno trámite parlamentario e anunciou que presentará unha emenda de devolución porque supón "unha vulneración da autonomía municipal" e "un trato de favor para as empresas eléctricas".

Sánchez explicou que esta nova lei vén modificar a que xa existe nesta mesma liña do ano 1995. Unha norma que tiña como principais obxectivos "a elaboración de políticas integrais en distintos niveis (económico, industrial, ambiental, patrimonial, cultural...), solucionar o desequilibrio entre o Eixo Atlántico e o interior do país e mais impulsar a coordinación supramunicipal".

"O normal sería facer unha avaliación do que funcionou e do que non. Pero nada disto fixo Feixoo porque non lle interesa o interese xeral. Esta lei só busca o beneficio duns determinados intereses privados", sinalou o portavoz.

Neste sentido, Sánchez evidenciou que esta lei tamén inclúe certas modificacións que lles quitan prerrogativas aos concellos, como a supresión da obriga de obter licenza urbanística municipal. Un punto que para Sánchez é "unha vulneración da autonomía municipal" e "unha diminución das ferramentas que os concellos teñen para se defenderen da especulación".

"É vergoñento que a Xunta se ampare no interese autonómico e público para estas modificacións que só favorecen as eléctricas. Cando unha eléctrica constrúe un parque eólico mira exclusivamente polo seu interese privado. Non se pode facilitar desde a Administración a ocupación do territorio galego sen que os habitantes desas zonas saquen ningún beneficio, como se leva anos demostrando que ocorre co modelo que defende o PP", expuxo, para censurar que "Feixoo quere deixar atadas e ben atadas as reformas que lle piden determinados lobbies".

Comentarios