Común da Esquerda cualifica os orzamentos da Xunta para 2020 de “antisociais” e “neoliberais”

Considera que non van servir para lle dar a volta a estes anos “de recortes” nin para impulsar “a actividade económica”.

manuel lago

O Grupo Común da Esquerda rexeita os Orzamentos da Xunta para 2020 “con absoluta rotundidade”. O portavoz Manuel Lago criticou que as contas propostas pola Consellaría de Economía “non van servir para darlle a volta aos recortes nin impulsar a actividade económica”. Lago cualifica os Orzamentos de “decepcionantes, restritivos, mediocres, antisociais, continuístas e neoliberais, un exercicio de resignación, de falta de ideas”.

Manuel Lago lembrou os “récords negativos” que afirma que acumula o presidente da Xunta nos seus dez anos de mandato: “Vai pasar á Historia por ser o presidente coas peores cifras de crecemento económico, por ser o único que vai deixar o Goberno con menos empregos dos que había cando chegou, por ser o único que recortou o Orzamento da Xunta e por ser o que máis endebedou Galiza”.

As rebaixas de impostos ás rendas altas foi outro dos puntos que Manuel Lago abordou na súa intervención, sinalando que “a deserción fiscal dos ricos fai que co mesmo nivel de PIB dispoñamos de menos recursos para sanidade, educación ou protección social”. O voceiro do Grupo Común da Esquerda indicou que "se desfiscalizaron as rendas de capital, os beneficios empresariais e os grandes patrimonios. A elevación do mínimo exento no Imposto de Sucesións de 400.000 a 1.000.000 de euros é unha medida que beneficia a unha ínfima minoría pero ten consecuencias negativas para a maioría social, porque afecta á equidade fiscal”.

Ademais, considerou que “esta medida 'estrela' no discurso das rebaixas fiscais súmase á decisión de rebaixar o tipo do Imposto de Patrimonio: “Herdanzas  de 2 millóns de euros e patrimonios superiores a 700.000 euros, esa é a clase media para o PP”.

Comentarios