Política

Galicia en Común-Anova advirte que se "colapsa" a sanidade será polos "11 anos de recortes de Feixoo"

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, asegurou que a Xunta dedica "4,2%" menos á sanidade nos orzamentos agora que hai once anos. 
Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla nunha rolda de prena (Galicia en Común).
photo_camera Martiño Noriega, Antón Gómez-Reino e Eva Solla nunha rolda de prensa (Galicia en Común).

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, instou esta cuarta feira a Xunta a reforzar os medios do sistema público de saúde para a loita contra a epidemia da COVID-19 e sinalou que se os hospitais galegos acaban "colapsando" pola xestión da epidemia "será tamén a consecuencia de 11 anos consecutivos de recortes de Feixoo no orzamento de sanidade".

Desde a coalición insisten "en que antes de enviar doentes con COVID-19 a instalacións deportivas ou feiras de mostras, Feixoo debería reforzar a sanidade pública". 

Gómez-Reino asegurou que a Xunta invirte hoxe en sanidade "un 4,2%" menos que nos orzamentos de 2009. "Se no canto de aplicar recortes ano tras ano se tivera reforzado o sistema sanitario con máis investimentos, os hospitais galegos estarían hoxe nunha situación moito máis óptima para enfrontar esta crise", explicou, para detallar que os once anos de recortes do PP no país tradúcense nun "descenso na calidade asistencial, unha notábel precarización das condicións laborais do persoal do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e un incremento das listas de agarda"; así como unha "rebaixa considerábel nos medios técnicos e humanos dispoñíbeis".

"Exiximos a utilización de todos os recursos sanitarios privados e públicos que garanten as medidas de hixiene e salubridade antes de enviar ás persoas doentes a hospitais de campaña. No noso país dispoñemos de instalacións que deben estar a disposión para frear esta pandemia", salientou Eva Solla.

"Non hai saturación" en Compostela

No caso concreto de Compostela, onde a Xunta confirmou que se instalará un hospital de campaña, Martiño Noriega asegurou que lles consta que "non hai saturación nin no Clínico nin no Provincial de Conxo, e descoñecemos se a Xunta tén previsto utilizar o hospital Gil Casares". 

O Gil Casares, segundo lembrou Noriega, "até finais de 2019 acollía a Unidade de Paliativos que foi trasladada ao Provincial de Conxo, e que chegou a ter 35 camas". "Falamos dun centro que está preparado para acoller enfermos e enfermas, nunhas condicións moito máis dignas que calquera polideportivo", aseverou.

"É incomprensíbel que o presidente da Xunta non bote man das perto de 120 camas que suman os hospitais da Rosaleda e da Esperanza, xestionados ambos pola empresa HM e que só teñen a nove persoas ingresadas con coronavirus, e insista en instalar entre 100 e 150 camas no pavillón de Sar", censurou Noriega.

Comentarios