CO 71% DOS VOTOS A FAVOR

Compromiso vota maioritariamente ir en solitario ás eleccións galegas

Compromiso por Galicia non concorrerá en coligazón ningunha ás eleccións galegas. Farao baixo a súa propia marca. Así o decidiu este domingo a militancia que participou nunha Convención Nacional que tivo lugar en Teo.

CONVENCION_01_WEB
photo_camera [Imaxe: Compromiso por Galicia]

A forza liderada por Xoán Bascuas presentará unha candidatura propia ás eleccións galegas. O 71% da afiliación así o decidiu, fronte ao 29% que votou sumarse á coligazón que se formule arredor de En Marea. As votacións foron secretas, pois tiveron lugar en urna.

Nun comunicado, o secretario xeral de Compromiso, Xoán Bascuas, enxalza “a calidade dos debates e dos argumentos expostos” así como “o alto grao de participación da militancia”, aínda que non se precisa o número de persoas participantes.

Bascuas apela a xente que votaba PP, Ciudadanos, PSOE ou Bloque

Bascuas confiou en sumar apoios por parte de votantes que noutras eleccións apostaron en formacións alleas a Compromiso. “Sabemos que hai xente que votaba PP ou Ciudadanos, pero que agora desexa votar en clave galega; hai xente no PSOE que está cansa de votalos e agora ten unha opción socialdemócrata en Compromiso e xente que tradicionalmente votaba BNG e que a agora tamén ten unha alternativa galeguista en Compromiso”.

Neste sentido, o dirixente da formación socialdemócrata sinalou que “se conseguimos explicar o noso proxecto, estou seguro de que Compromiso dará moitísimo que falar nos vindeiros anos”.

Compromiso por Galicia convocará o Consello Político Nacional no mes de maio. Nel presentarase un regulamento de primarias para elixir o candidato ou candidata á presidencia da Xunta de Galicia.

Comentarios